ALCALDÍA

O Goberno local propón novamente o indulto para os veciños do Eixo

08/10/2007 A Xunta de Goberno local aprobou unha nova proposta de indulto para os veciños do Eixo condenados a sete anos de prisión. Esta proposta, formulada polos grupos municipais socialista e nacionalista, incide nos feitos obxectivos que fan a Jesús Montoiro Cepeda, José Moreira Fernández e Simón Márquez Valle merecedores desa graza.

A proposta incide que os condenados "nunca tiveron problemas coa xustiza", coa excepción dos feitos condenados. Lémbrase que son "persoas que sempre velaron polos intereses xerais, especialmente pola mellora do barrio que habitan; sempre traballaron polo fomento e desenvolvemento asociativo dos veciños co obxecto de mellorar a calidade de vida de todos eles".

Igualmente, afírmase que a traxectoria e conduta social dos condenados "non representa ningún risco cidadán" e que eles "xa fixeron efectivas as súas responsabilidades civís a favor do prexudicado, coa colaboración das achegas voluntarias dos cidadáns". Neste sentido, hai unha especial mención á "solidariedade que o barrio do Eixo, representado pola Asociación de Veciños Domingo Cepeda, vén prestándolles como mostra de comprensión ante os feitos que provocaron o delito".

Finalmente, os dous grupos municipais do Goberno consideran que "a pena imposta, en lugar de rehabilitar, ocasionaría efectos contrarios, producindo un desemembramento de tres familias modélicas moi apreciadas no seu contorno social".

Compartir: