CULTURA

Dous novos concertos no Principal pecharán o VIII Ciclo de Lied

05/10/2007 Tralo éxito dos dous primeiros concertos que tiveron lugar no mes de setembro, os dos días 8 e 10 de outubro rematarán no Teatro Principal o Ciclo de Lied de Santiago. que organiza a Concellaría de Cultura en colaboración coa S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e a Asociación Galega da Lírica.

O luns 8 de outubro terá lugar o terceiro dos concertos coa presenza do prestixioso barítono alemán Stephan Genz, que cantará neste seu primeiro recital en Galicia un programa dedicado a Hugo Wolf e os seus poetas. O compositor austríaco Hugo Wolf é un dos compositores máis importantes e trancendentais do xénero do lied e un autor que entendeu e desenvolveu como poucos a íntima relación entre a música e a poesía para crear as súas cancións: Joseph Eichendorff e Edvard Mörike son os dous poetas que inspiraron a Wolf as cancións que se poderán escoitar no concerto de Stephan Genz.

Dous días despois, o mércores 10 de outubro, clausurase no Teatro Principal o VIII Ciclo de Lied. Será este un especial serán no que se producirá o debut en España da soprano canadiense Measha Brueggergosman, unha cantante de voz poderosa e gran sensibilidade que sen dúbida é unha das máis destacadas artistas do seu país e unha das voces internacionais con maior proxección dos últimos anos. "Teatro, Canción, Cabaré" é o título desta oitava edición do Ciclo de Lied no que tras o protagonismo do teatro shakesperiano no primeiro concerto e do lied, da canción, no segundo e no terceiro, se somerxe de cheo neste concerto de clausura no mundo do cabaré. Measha Brueggergosman interpretará cancións compostas por autores como Britten, Schoenberg, Rorem, Bolcom, Satie e Poulenc no particular e desenfadado estilo do cabaré.

Como en todos os concertos do Ciclo de Lied, ambos cantantes actuarán no Teatro Principal na compañía de Roger Vignoles, prestixioso pianista inglés estreitamente vinculado a este ciclo compostelá do que é co-director artístico.

Compartir: