CULTURA

Santiago Auserón, Mercedes Peón e Jane Birkin na segunda parte do ciclo "Sons da Diversidade"

04/10/2007 Os tres últimos meses do ano traen unha nova entrega de concertos do ciclo Sons da Diversidade. Santiago Auserón e a súa orquestra de jazz, Mercedes Peón e Jane Birkin serán os protagonistas destas actuacións, que de novo poñen de relevo a diversidade de propostas deste ciclo, tal como sinalou o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, na presentación. As entradas xa están á venda.

O 20 de outubro chegará ao auditorio Santiago Auserón e a Original Jazz Orquestra do Taller de Musics.Tras un primeiro encontro con motivo da celebración dos 25 anos deste taller, para a que Enric Palomar realizou un arranxo de La negra flor -un dos temas máis emblemáticos de Radio Futura-, naceu a idea de refacer os grandes temas de Santiago Auserón, da etapa de Radio Futura e da etapa de Juan Perro, con esta orquestra, composta por 22 músicos, dirixida para a ocasión polo propio Enric Palomar e responsable agora de catorce arranxos.

Santiago Auserón intérnase con decisión na aventura de redefinir a súa prestixiosa traxectoria como escritor de cancións, coa axuda dunha banda de músicos mozos que interpretan un repertorio do que se senten especialmente cómplices.

Mercedes Peón
A galega Mercedes Peón actuará o 17 de novembro. Sihá é o título do seu novo traballo, saído ao mercado neste 2007, cuxos temas poderán escoitarse no Auditorio. É un espectáculo cheo de forza, dinamismo e sentimento.

A viaxe ao pasado que iniciou aos trece anos cos seus traballos de recollida converteuse nunha inesgotable fonte de enerxía para esta muller, que co seu segundo disco Ajrú deixou claro que a calidade e contundencia das súas propostas explican o seu éxito e prestixio no mundo da música. Isué foi o seu primeiro disco como compositora, música e cantante, que entusiasmou a crítica e público.

Jane Birkin
Para pechar o ciclo Sons da Diversidade de 2007 chegará a directora, actriz e cantante Jane Birkin. Nada en Londres e filla da actriz e cantante Judy Campbel, a súa fama musical chegou da man do exitoso e polémico tema Je t’aime moi non plus, interpretado coa súa parella de entón, Serge Gainsbourg. A súa voz fráxil, tenue, sempre a punto de romperse, permaneceu como a súa marca distintiva e foi utilizada con intelixencia por Gainsbourg, que adaptou as súas cancións ao timbre de voz de Jane.

Jane Birkin compaxinou a súa carreira de cantante coa de actriz, incluso despois de falecido o seu principal compositor, o proio Gainsbourg. En 2004, lanzou Rendez-vous, un disco onde Jane ten unha serie de encontros únicos e atractivos cun universo de estrelas francesas e internacionais. No seu último álbum, Fictions, Jane contou cun prestixioso equipo de compositores: Rufus Wainwright, Arthur H, Dominique A ou Cali, entre outros. A xira coa que visita Sons da Diversidade chámase Rendez-vous, espectáculo no que interpreta temas do disco do mesmo nome, de Fictions e tamén temas de Serge Gainsbourg.

Compartir: