ALCALDÍA

Santiago e Asissi ratifican o texto preliminar do seu irmandamento

03/10/2007 A primeira hora da mañá do mércores 3, a delegación compostelá foi recibida polo alcalde Claudio Ricci na casa do Comune di Assisi. Durante a xuntanza falaron das similitudes entre Santiago e Assisi, dous importantes centros de peregrinación moi vinculados á figura do Apóstolo e á orde franciscana, tal como indican os conventos de San Francisco e Santa Clara (orde franciscana de monxas fundada por unha discípula de San Francisco).

Na reunión, as dúas delegacións firmaron un texto preeliminar relativo ao irmandamento no que se comprometen a constituír e revitalizar o Cammino di San Francesco que unirá en ambos sentidos as dúas cidades e que foi percorrido por primeira vez polo mesmo San Francisco, que camiñou como peregrino a Compostela, tendendo así un lazo entre as dúas cidades.

Imaxes e símbolos das dúas comunidades territoriais, Santiago e Assisi son, ao mesmo tempo, centro de importantes actividades culturais, económicas e turísticas de nivel nacional e internacional. Dende esa perspectiva as dúas cidades comprométense a activar programas de mutua posta en valor e desenvolver accións que podan beneficiar a ámbalas dúas poboacións e a dar axeitada comunicación acerca do irmandamento, co fin de promover os seus valores e o seu coñecemento para as xeracións futuras.

A delegación compostelá tamén tivo a oportunidade de coñecer con detalle o novo plan urbano de Assisi que empezou a tramitarse no ano 2002 e que será aprobado dentro do primeiro trimestre do próximo 2008. O planeamento regulador do casco histórico de Assisi garda moitas similitudes co de Santiago e serviu para que as dúas delegacións intercambiaran información sobre temas de protección. O de Assisi é o primeiro plan integral italiano que coincide co perímetro da UNESCO. Ademais incorpora un elemento novidoso, que son as áreas de transición entre o ámbito urbano e o rural para conectar con equilibrio todas as zonas do municipio. A arquitecta urbanista especialista en paisaxe, autora do plan de Assisi, Paola Fabini, foi convidada a visitar Santiago para ofrecer unha conferencia sobre a protección da paisaxe dentro planeamento urbanístico das cidades históricas.

Visita a Perugia
Trala reunión, Sánchez Bugallo e Mercedes Rosón desprazáronse á veciña cidade de Perugia para entrevistarse co director do planeamento urbano, Sergio Asfalti, quen os convidou a visitar as obras do minimetro que se está a construír na capital da Umbría.

O alcalde compostelán tivo a oportunidade de conversar amplamente cos técnicos encargados do deseño e da realización da obra para ver as posibles aplicacións que tería como medio de transporte alternativo entre Santiago e a periferia ou como vía de comunicación coa Cidade da Cultura.

Con 450 quilómetros cadrados, Perugia é un dos concellos italianos de maior extensión que debe acoller cada día tres mil coches e 50 autobuses. Este concello italiano, capital da rexión da Umbría, comezou resolvendo os seus problemas de aparcamento do mesmo xeito que Santiago, con aparcadoiros arredor do casco histórico e limitando a entrada de vehículos privados dentro do mesmo. Agora, o próximo reto para Perugia é substituír a entrada de vehículos ao perímetro da cidade poñendo grandes aparcamentos de borde no exterior da estación, de onde sairá o minimetro que levará aos usuarios ao centro do casco histórico. Esta idea podería ser valorada polos departamentos de urbanismo e transporte do Concello compostelán de cara a mellorar a mobilidade da cidade.

Ademais disto, o concello de Perugia fíxolle ao alcalde de Santiago unha proposta de irmandamento que será estudiada e tamén unha oferta para participar como representantes de España nunha feira de artesanía que organizará a cidade italiana en maio do 2008.

Centro de estudios xacobeos
Por último, a delegación compostelana quixo visitar o centro de estudios xacobeos que funciona na cidade. Ao igual que Santiago, Perugia é unha cidade universitaria que dende hai 25 anos mantén unha cátedra de estudios xacobeos que envía cada ano decenas de estudantes a Compostela. Esta cátedra, dirixida polo profesor Paolo Caucci, foi unha das principais entidades recuperadoras e impulsoras do Camiño e agora tamén a impulsora dos irmandamentos destas dúas cidades da Umbría con Compostela.

Compartir: