CULTURA

Comeza unha nova tempada dos concertos didácticos

03/10/2007 O 30 de outubro comeza unha nova tempada de concertos didácticos no Auditorio de Galicia. Ata o 17 de abril, o alumnado de ensino primario e secundario poderá gozar de diversos espectáculos no que a música clásica, de Prokófiev, Stravinski, Bruch, Warlock e Mirlaud convivirá coa tradicional de Mercedes Peón ou Na Virada, ademais de mesturarse con outras disciplinas artísticas, como as artes escénicas. Ademais, este ano, o Teatro Principal tamén será escenario de dous concertos didácticos que estarán abertos ao público familiar, ademais de aos centros educativos.

Na presentación desta programación, o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, destacou a súa importancia para "achegar as artes escénicas aos escolares dunha forma sinxela e amena, ademais de crear hábitos". O calendario de concertos renóvase avalado polo éxito de anos anteriores.

O prazo de solicitude para os concertos comeza o día 5 de outubro e os centros educativos poden baixar o formulario na páxina web do auditorio: www.auditoriodegalicia.org. Este formulario, debidamente cumprimentado, será enviado a través do correo electrónico info@auditoriodegalicia.org.

Nesta mesma web, a do Auditorio, sairá publicado un listado de cada concerto, cos nomes dos centros educativos aos que se lles concederon as prazas. Tamén os centros recibirán a información a través do correo electrónico. Aqueles centros que non figuren no listado pasarán a unha lista de espera.

Malia dárselle prioridade aos centros de Compostela e comarca (concellos de Ames, Teo, Boqueixón, Val do Dubra, Brión e Vedra), hai un cupo establecido para centros de fóra da comarca. En calquera caso, cada centro poderá reservar catro concertos cun máximo de 60 prazas por actuación.

Traballo previo na aula
As visitas guiadas e os concertos para escolares dispoñen de unidades didácticas para traballar na aula, co fin de obter un máximo rendemento da súa visita. As guías didácticas estarán dispoñíbeis na rede despois de seren adxudicadas as prazas. Profesorado e alumnado poden, así, obter a documentación necesaria para realizar as actividades propostas nas unidades didácticas e achegarse ás pezas artísticas dende o contexto da súa creación, cunha proxección ao tempo actual.

O estudo do autor, da obra, da instrumentación ou soporte son fundamentais para un óptimo coñecemento do espectáculo ou mostra que se pretende analizar. O traballo previo á asistencia ao espectáculo ou exposición esperta o interese dos asistentes e favorece a adquisición de coñecementos, co que se engrandece a valoración do produto cultural ofrecido.

Documentos relacionados



Compartir: