BENESTAR SOCIAL

O programa "Violencia: tolerancia cero" invita a reflexionar e a previr fronte aos malos tratos

03/10/2007 A prevención, a sensibilización social fronte ao maltrato, o soporte, a atención e a reinserción das vítimas e dos seus fillos son os eixos principais do programa "Violencia: tolerancia cero", da Obra Social "la Caixa". Esta iniciativa, que está a percorrer 25 cidades españolas en 2007, chega agora a Compostela, onde estará ata o 28 de outubro.

A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, presentou este programa na carpa onde está situado, no paseo central da Alameda. Na súa intervención, chamou a atención sobre a necesidade de incidir na convivencia diaria. "¿Onde empeza a violencia", preguntouse Mar Martín, quen apuntou que esta xorde cando as relacións de poder substitúen ás de convivencia.

Pola súa parte, a coordinadora do programa, Ana Bustamante, invitou aos visitantes da mostra a reflexionar sobre o feito de que "o violento non nace ,faise". Recalcou a prioridade de "eliminar calquera xustificación social á violencia" e a "importancia da prevención con nenos e mozos". Neste sentido, a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Carme Adán, apuntou que "a aula é o lugar ideal para as intervencións de prevención".

Itinerario dos malos tratos
"Violencia: tolerancia cero" percorreu 28 cidades españolas ao longo de 2006, con máis de 185.000 visitantes. Nel proponse un itinerario polas distintas facetas en que se manifestan os malos tratos, co obxectivo de provocar a implicación activa de todos os cidadáns na loita contra a violencia.

A proposta componse dunha exposición, duna serie de talleres escolares para traballar o tema nas aulas e dun conxunto de materiais psicosociais para os profesionais da atención ás mulleres maltratadas e aos menores que viven no seo de familias conflitivas. Tamén se editou unha publicación, escrita polos doutores Luis Rojas Marcos e Inés Alberdi, dirixida a sensibilizar á sociedade fronte ao fenómeno dos malos tratos.

Os dereitos humanos; a violencia en situacións cotiás; a diferenza entre os sentimentos de amor e os de control, posesión e celos; a violencia nas aulas; as posibilidades de actuación e os testemuños de superación e, por último, a información como soporte á solución do problema, centran cada un destes cinco módulos.

Ao finalizar o percorrido, os visitantes son chamados a dar resposta a un cuestionario que lles provoque unha reflexión sobre o seu compromiso contra as actitudes violentas.

Dereitos humanos e violencia
O módulo introdutorio da exposición sitúa ao visitante e capta a súa atención para implicalo no tema. Evoca o destrozado comedor dunha vivenda na que se produciu unha situación de violencia. O visitante pode constatar unha cantidade de detalles presentes en actitudes cotiás que revelan comportamentos violentos.

A violencia de xénero é obxecto de reflexión no segundo dos escenarios. Malia a existencia e aceptación dos dereitos humanos polas nacións e polas lexislacións, a súa vulneración é constante e vai en aumento. Avanzando por un túnel poderanse ler los artigos da Declaración dos Dereitos Humanos. En contraposición a estes, cifras estatísticas, noticias ou frases de expertos que demostran o seu incumprimento, na busca dunha reacción no visitante.

A fiestra indiscreta
O seguinte módulo recrea un espazo público. O problema da violencia está máis preto do que a miúdo se imaxina. A través das fiestras dun edificio situado nunha praza dunha zona residencial, os visitantes poderán contemplar escenas de películas de cine, recreadas como se estiveran sucedendo nese mesmo instante. A fiestra indiscreta saca a relucir un problema real presente na nosa sociedade, aínda que en moitos casos de forma oculta.

Te doy mis ojos, Solo mía, El bola, Solas ou Carne trémula son algúns dos títulos da filmografía española recente que relatan complexas relacións de desexo, amor, posesión e celos que desembocan en situacións extremadamente violentas. O amor mal entendido é un dos maiores pretextos utilizados para xustificar actos de violencia física ou psicolóxica.

Violencia nas aulas
Segundo un informe elaborado polo Centro Reina Sofía para o Estudo da Violencia, 3 de cada 10 alumnos sofre algún tipo de violencia na escola. A maioría das vítimas, 6 de cada 10, son mulleres, e nun 95% dos casos os escolares que as sofren arrastran as consecuencias psicolóxicas de por vida. A infancia é, neste sentido, a etapa vital na que soen xerarse as futuras condutas violentas.

Un entorno escolar axeitado, presidido polo respecto cara os profesores e os compañeiros, desenvolve a autoestima, o sentido de grupo e de xustiza, así como a capacidade de empatía. A exposición reproduce os sentimentos dun alumno acosado coa finalidade de contribuír a erradicar a violencia nas escolas.

Actuar
Actuar é posible, o cuarto epígrafe da mostra, aposta por unha socialización baseada na igualdade, na dignidade, na liberdade e na xustiza.

Visualizar o invisible e afondar nun concepto de amor sincero permitirá adiantar o prognóstico e suxerir modelos sociais que rexeiten a violencia. A exposición ofrece, no cuarto módulo, unha serie de pautas de actuación que contribúen a eliminar calquera manifestación de intolerancia, unha fiestra á esperanza con testemuños de superación do problema.

No último dos apartados, a mostra fai referencia á información como elemento clave para contribuír a erradicar o problema. La Obra Social "la Caixa" recompila neste ámbito as actividades, asociacións e iniciativas implicadas na loita contra a violencia. Este espazo dispón dunha serie de ordenadores, materiais e outros recursos en distintos soportes de utilidade para as persoas interesadas.

Cifras en ascenso
Segundo datos da Organización Mundial da Saúde, a violencia entre as persoas provoca 850.000 mortes por ano. No capítulo da violencia doméstica en España, en 2006, 69 mulleres morreron a mans das súas parellas ou ex-parellas, o que supón un incremento do 13% respecto ás cifras de 2005.

Na rolda tamén interviu a directora da Área de Negocio de "la Caixa" en Santiago, Beatriz Cristina Rodríguez. A continuación, inaugurouse a mostra, coa presenza do alcalde en funcións, Néstor Rego, e parte da Corporación municipal.

Compartir: