TURISMO

"Vivir Compostela" chega ás 2.000 reservas nunha semana

02/10/2007 A campaña Vivir Compostela, lanzada por Turismo de Santiago para dar a coñecer aos cidadáns as infraestruturas e recursos turísticos, atopou unha resposta masiva entre os composteláns, que xa esgotaron as prazas en catro das vinte actividades gratuítas ofertadas.

A campaña, presentada a finais de setembro polo concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, recibiu en a penas unha semana máis de 2.000 reservas.

A actividade que rexistraba máis solicitudes ata o martes 2 era a subida ás cubertas da Catedral, con 316 reservas; seguida de preto pola visita á Cidade da Cultura, con 311 persoas apuntadas. En terceiro lugar aparecen o tren turístico, con 260, e a visita ao museo da Catedral, con 181.

As dúas excursións de Compostela Visión a Fisterra e ás Rías Baixas esgotaron as súas prazas con 184 e 143 solicitudes.

Novas visitas guiadas e máis museos
Vivir Compostela ofrece máis de vinte actividades distintas, entre as que destacan o tour gastronómico, a visita guiada polas igrexas, o tour nocturno, o tren turístico, a ruta da arquitectura contemporánea, a dos conventos de clausura, a visita ao casco histórico e ao patrimonio da Universidade. Tamén continúan abertas as visitas guiadas polo CGAC, ao Museo do Pobo Galego, á Fundación Granell e ao Museo das Peregrinacións, así como o aluguer dunha completa visita en mp3.

Para escolares hai un percorrido diario, didáctico e feito á súa medida, que combina o casco histórico e o tren turístico. O único requisito para participar é ser un cidadán censado en Santiago ou traballar na cidade. As visitas e excursións reservaranse nos teléfonos 981 592 333 e 981 935 345, ou no correo electrónico comercial@trevisani.es.

Compartir: