ALCALDÍA

Sánchez Bugallo reúnese co alcalde de Assisi para falar do irmandamento entre Compostela e a cidade italiana

02/10/2007 Os alcaldes de Santiago e Assisi mantiveron unha xuntanza coincidindo coa chegada da delegación santiaguesa a Assisi. O rexedor da cidade italiana, Claudio Ricci, recibiu a Xosé A. Sánchez Bugallo á súa chegada á vila para convidalo a unha comida e a continuación fixeron un percorrido polos principais puntos de interese de Assisi.

A primeira hora do mércores 3 de outubro os dous alcaldes manterán unha reunión oficial no Concello de Assisi para perfilar os temas relativos ao irmandamento entre as dúas poboacións. Santiago de Compostela e Assisi son lugares simbólicos, culturais e espirituais, de referencia para toda a humanidade. Intimamente ligados ás figuras do Apóstolo Santiago e de San Francisco, teñen historias semellantes que configuran o seu sentido no pasado e na actualidade.

O mesmo San Francisco foi peregrino a Compostela, empezando así un lazo que se quere volver a propoñer a través da unión do camiño de Santiago e do Cammino di San Francesco. Entre os obxectivos da xuntanza está a constitución do Cammino di San Francesco que unirá en ambos sentidos as dúas cidades.

A visita da delegación santiaguesa coincide coas festas grandes de Assisi adicadas a San Francisco e responde a unha invitación do concello da cidade italiana, que tamén tomou parte nas últimas festas do Apóstolo.

Visita a Peruggia
Trala xuntanza no Concello de Assisi, a delegación santiaguesa trasladarase á cidade de Peruggia, para entrevistarse co rexedor desta localidade da rexión italiana da Umbria. Santiago mantén con esta localidade vínculos moi fortes por ter participado ambas no programa PAGUS de renovación urbana. Amais diso, Peruggia mantén de forma moi activa unha cátedra de estudios xacobeos que foi a principal impulsora da recuperación do camiño de peregrinación a Compostela.

Compartir: