PROMOCIÓN ECONÓMICA

Petronio Arte acolle unha exposición do artista cubano David Planas

02/10/2007 A galería Petronio Arte, nacida no marco do Proxecto Equal Compostela Social promovido pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, acolle do 3 ao 26 de outubro unha exposición do artista cubano David Planas. A inauguración da mostra, titulada El negrito cimarrón regala colores para todos e aberta aos medios de comunicación, terá lugar o mércores, 3 de outubro, ás oito da tarde.

Petronio é un espazo de arte situado na rúa de San Pedro número 30. No seu local véndense materiais de Belas Artes, enmárcanse cadros, impártense talleres de formación e expóñense e véndense obras de arte. Trátase dun dos 56 proxectos empresariais (37 promovidos por mulleres e 19 por homes) creados ata agora a través do Proxecto Equal Compostela Social. Estas empresas dan traballo a 120 persoas, 59 mulleres e 61 homes; aos que hai que sumar outros 11 empregos creados para o desenvolvemento do programa.

Os colectivos que participan no programa son principalmente mulleres, persoas maiores de 45 anos, persoas mozas sen cualificación, persoas que pertencen a familias monoparentais, persoas paradas de longa duración, persoas con discapacidade, inmigrantes e emigrantes retormados/as. Equal Compostela Social axúdaos a desenvolverse profesionalmente dende o punto de vista do autoemprego. O proxecto está liderado polo Concello de Santiago a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, e nel participan, ademais, os concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra, a Consellería de Traballo, a USC, a Fundación para o Desenvolvemento Comarcal da área de Compostela, a Cámara de Comercio, a Plataforma polo Emprego, Cogami e Caixa Galicia a través da súa obra social.

David Planas
Aínda que reside en Santiago, David Planas naceu na Habana en 1976. Realizou estudos de arte na Escola de Artes Plásticas e na Escola Vocacional de Arte Juan Pablo Duarte, ambas situadas na capital cubana. En Petronio Arte presenta unha exposición de gran impacto colorista, onde a incorporación de elementos extra-pictóricos como motores pequenos, luces, arames e outras pezas recicladas encaixan perfectamente, dando pé a un universo plástico de exquisita sensibilidade, conxugando formas e sentimentos.

Compartir: