ALCALDÍA

A cidade de Helsinki colaborará con Santiago en varios proxectos de desenvolvemento urbano

01/10/2007 A delegación compostelá reuniuse co rexedor da cidade de Helsinki, Jussi Pajunen e cun equipo de expertos en urbanismo da capital finesa.

Bugallo e Pajunen comezaron a xuntanza falando da capitalidade cultural que ámbalas dúas cidades compartiron no ano 2000. Naquel momento houbo unha estreita colaboración con varios técnicos da capital finesa que neste momento continúan traballando no departamento de Cultura da cidade e aos que o alcalde quixo saudar.

A continuación, os dous mandatarios puxeron en común as estratexias de desenvolvemento urbano de ámbalas dúas cidades e estudaron varios exemplos de novas actuacións na capital finesa que poderían servir de modelo para Santiago.

En concreto, a delegación compostelá interesouse pola renovación da zona de Jakomäki, un barrio dos anos sesenta que acaba de ser rehabilitado e reurbanizado para adaptalo aos novos usos e necesidades da poboación. O arquitecto e os técnicos fineses explicaron os detalles desta actuación ao alcalde e á concelleira de Urbanismo Mercedes Rosón. Este barrio foi un dos puntos escollidos para realizar unha visita posterior a varias actuación recentes do concello de Helsinki.

Segundo puideron extraer da xuntanza ambas delegacións, tanto Santiago como Helsinki comparten criterios urbanísticos e sociais, xa que as dúas cidades están desenvolvendo os seus plans de expansión tratando de combinar áreas de traballo e residencia no canto de separalas.

Dáse a circunstancia de que esta reunión centrada no desenvolvemento urbano e a nova arquitectura das cidades tivo lugar no marco do Día Mundial da Arquitectura.

Compartir: