EDUCACIÓN E DEPORTE

Nova edición do programa "Á auga patos"

01/10/2007 O Goberno local aprobou a sinatura do contrato entre o Concello e a empresa Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos (XADE) para o desenvolvemento do programa "Á auga patos" na edición 2007-2008. Tamén se deu o visto bo aos modelos de información, inscrición e autorización.

Este programa está destinado aos centros públicos e concertados do municipio e celébrase dende comezos de outubro ata o 30 de maio. Diríxese fundamentalmente a escolares maiores de seis anos.

Para a realización do programa, destínanse dúas rúas da piscina de Santa Isabel e as piletas da piscina de Sar (agás tres rúas da rectangular) de luns a venres, en todas as semanas lectivas do curso. O horario será de 10:00 a 13:00 horas.

Establecerase un máximo de 60 alumnos por sesión, cun monitor para cada grupo de 12 rapaces. A cota de inscrición será como máximo de 40 euros para todo o período de ensino.

Os departamentos de Deportes e de Educación encargaranse da intermediación cos centros de ensino e da publicidade do programa. Será este último o que se encargue da formalización das matrículas. A iniciativa terá unha xornada de clausura na piscina de Santa Isabel.

Compartir: