ALCALDÍA

Santiago colaborará cos países bálticos en varios proxectos relacionados co desenvolvemento sostible

27/09/2007 Durante a súa intervención na sesión inaugural da IX Conferencia Xeral da Unión de Cidades do Báltico (UBC), Sánchez Bugallo fixo unha breve presentación do proxecto político da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (CCAA), actualmente presidida por Compostela. As liñas mestras deste proxecto centraranse no desenvolvemento sostible aplicado de forma transversal a todas as áreas de traballo, a través da implantación dunha axenda local 21 que pretende facerse extensiva a todas as cidades membro da CCAA.

A exposición de Sánchez Bugallo recibiu os parabéns do presidente da UBC, Bodker Andersen, que o emprazou a unha reunión que os dous mandatarios manterán na xornada de mañá e que terá como obxectivo abrir varias liñas de colaboración e intercambio de experiencias entre as dúas organizacións.

Trala sesión inaugural, o alcalde de Santiago e presidente da CCAA, tamén mantivo un encontro coa representante da cidade estona de Tartu, que lle manifestou o seu interese por colaborar con Compostela en varios asuntos relacionados coa renovación urbana.

Na xornada do venres 28 está previsto que a delegación de Santiago manteña unha reunión coas Comisións de Medio Ambiente e Transporte da UBC para ver a posibilidade de que varias cidades bálticas colaboren con Santiago en aspectos de mobilidade, aforro de enerxía e reducción de emisións de CO2 á atmosfera.

Tamén haberá un encontro coa Comisión de Cultura que compartirá con Santiago varias experiencias en relación á función dos Museos dentro do contexto social actual. Neste sentido, a intención é trasladar a Santiago boas prácticas dentro do ámbito museístico de cara á próxima apertura do Museo da Cidade no edificio do Banco de España.

Compartir: