ALCALDÍA

O alcalde viaxa a Estonia para participar na Asemblea Xeral das Cidades Bálticas

26/09/2007 Como actual presidente da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (CCAA), Xosé A. Sánchez Bugallo, foi convidado á cidade de Pärnu, en Estonia, para participar na IX Asemblea Xeral da Unión de Cidades do Báltico (UBC).

Na sesión do xoves 27 de setembro, Sánchez Bugallo ten previsto intervir ante os membros da UBC para solicitarlles apoio e asesoramento na implantación da Axenda Local 21 dentro das cidades membro da CCAA. Os países do Báltico contan cunha ampla experiencia na implantación de programas de desenvolvemento sostible que se levaron a cabo con grande éxito e que mesmo serviron de modelo para a Unión Europea.

O alcalde viaxa acompañado pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón. A delegación de Santiago ten previsto reunirse con varias comisións da Unión de Cidades do Báltico que traballan aspectos de rexeneración urbana dentro dos criterios do desenvolvemento sostible.

Pola noite, Sánchez Bugallo está convidado a participar nunha xuntanza co Presidente da UBC, Per Bodker Andersen e outros membros das cidades que participan na Asamblea.

Os países que rodean o Mar Báltico, rexión de numerosos intercambios xa desde a antigüidade, contan entre as súas mellores tradicións con importantes niveis de cooperación cultural, comercial e económica.

Participar neste foro vai supoñer para Compostela unha oportunidade de coñecer con detalle estas políticas que a UBC ven desenvolvendo con éxito desde hai máis dunha década, e daranos a posibilidade de participar en intercambios de experiencias e tecnoloxía.

Irmandamento con Assisi
Dende Estonia, a delegación de Santiago viaxará á cidade italiana de Assisi para acudir á celebración das súas festas patronais e corresponder a visita que unha delegación de Assisi fixo a Compostela durante as últimas festas do Apóstolo. Durante a estancia as delegacións das dúas cidades falarán da posibilidade dun futuro irmandamento.

Compartir: