CULTURA

Paul Daniel dirixe á Real Filharmonía na Catedral

26/09/2007 Como xa ven sendo habitual, a temporada do Auditorio de Galicia comeza cun concerto da Real Filharmonía na Catedral. Nesta ocasión dirixe o británico Paul Daniel, e como solistas actúan catro mulleres violinistas, pertencentes á propia orquestra. A cita é o xoves 27, ás 21:30 horas, con entrada libre, previa retirada das invitacións, o mesmo día, no Teatro Principal.

Neste concerto, a Real Filharmonía, interpreta o Concerto para catro violíns de Vivaldi, entre outras pezas. Trátase dunha oportunidade única de escoitar un tipo de música non habitual nun templo das dimensións da Catedral compostelá. As encargadas de executar o groso deste concerto serán Adriana Winkler, Anca Smeu, Yulia Petrushevskaya e Victoria Jurov, solistas pertencentes á Real Filharmonía. O programa complétase con pezas de Mozart, Rameau, Purcell e Vaughan Williams.

Deste xeito, Paul Daniel, principal director invitado da Real Filharmonía, será o encargado de abrir a temporada de concertos da orquestra compostelá. Pero non será esta a única vez que visite a cidade. Está previsto que volva para dirixir en decembro e en maio, nun concerto que suporá a estrea absoluta dunha obra encargada ao compositor galego Xabier de Paz.

O concerto convértese nunha oportunidade para gozar da música de Vivaldi no impresionante marco románico da Catedral. Vivaldi, xenial compositor e un dos grandes coñecedores do violín, foi autor de máis de cincocentas partituras. O seu Concerto para catro violíns en si menor tivo tanta sona, que mesmo foi "copiado" máis tarde por Bach, converténdoo no recoñecido Concerto para catro clavecíns.

Pola súa banda, a Sinfonía "París", foi composta cando Mozart tiña 22 anos. Coñécese por este nome por ser a capital francesa o lugar elixido para a súa estrea. Destaca por ser a primeira sinfonía na que o compositor austríaco emprega clarinetes, aínda que o que máis chama a atención e o vigoroso unísono de cordas, co que comeza a Sinfonía, e que se converteu na súa principal característica, tal e como recordan as notas ao programa do concerto.

Compartir: