MOCIDADE

Concello e Don Bosco favorecen o intercambio intercultural entre mozas e mozos europeos

26/09/2007 O concelleiro de Mocidade, Xosé Baqueiro, e o director da Escola de Tempo Libre Don Bosco, Francisco Rodríguez, asinaron o convenio que permite renovar o Servizo Local do que agora se chama Programa Europeo "Xuventude en acción". Esta iniciativa de voluntariado permite aos mozos e mozas do continente realizar intercambios a través da súa participación en programas interculturais e da aprendizaxe de linguas.

Deste programa ocúpase en Compostela o Servizo Local obxecto do Convenio. Grazas a o mesmo, achegáronse a Compostela 63 mozos e mozas dende 2000, e estiveron en diversos países comunitarios 38 composteláns. O custo do programa é de17.500 euros, dos que o Concello achega 8.000.

Como organización de acollida do Servizo de Voluntariado Europeo (SVE), a Escola de Tempo Libre e Animación Don Bosco acolleu voluntarios dos seguintes países: Alemaña, Francia, Suecia, Italia, Romanía, Bélxica, Eslovaquia, República Checa, Austria, Hungría, Polonia, Grecia, Portugal, Estonia, Turquía, Noruega, Finlandia, Reino Unido, Lituania, Dinamarca e Luxemburgo. A principios de setembro chegaron dúas voluntarias de Alemaña e Polonia. En outubro chegarán sete voluntarios máis e outro máis en decembro.

Os 38 voluntarios enviados decantáronse por Finlandia, Italia, Suecia, Luxemburgo, Holanda, Francia, Reino Unido, Portugal, Polonia, Austria, Alemaña, Hungría, Dinamarca, Islandia e República Checa. A última voluntaria enviada marchou o 18 de setembro a Turquía, e outra máis marchará en breve a Hungría.

O Programa Europeo "Xuventude en acción" está dirixido a mozos e mozas de 18 e 30 anos, residentes nun dos 25 Estados membros da Unión Europea, se ben está aberto a terceiros países. Fundamentalmente está orientado a aqueles mozos que non poden acceder á mobilidade por Europa a través doutros programas.

Nova oficina para a mocidade
Aproveitando a presentación, o concelleiro de Mocidade anunciou que para 2008 está prevista a posta en marcha dunha oficina de información e formación para a mocidade en Sar. Ademais, en breve ofreceranse novos servizos a este colectivo a través do Centro Sociocultural do Ensanche.

Compartir: