PLENO

O novo campus educativo do Manuel Peleteiro, para 2009

25/09/2007 O Pleno municipal, en sesión extraordinaria, aprobou definitivamente o Plan especial de equipamento docente de Monte Redondo (Montouto). Alí construirase o novo complexo educativo do Colexio Manuel Peleteiro, co obxectivo de que estea listo en 2009 e entón se efectúe o traslado dende as actuais instalacións no centro da cidade.

Con este visto bo do Pleno, os promotores xa poden solicitar a licenza de obra para este campus educativo, que se situará entre a estrada C-541 (Santiago- A Estrada) e a autovía de Santiago a Ourense. A actuación ocupará unha superficie de 68.822 metros cadrados, dos cales 13.562 dedicaranse ás edificacións, que serán de baixo e unha planta.

Este campus educativo contará con tres módulos diferenciados para infantil, primaria e secundaria. Complétase con outras dotacións comúns, coma un salón de actos, un ximnasio, residencias masculina e feminina, un polideportivo e outras aulas e servizos complementarios.

Santas Mariñas, Brandía e Roxos
Tamén en materia de urbanismo, o Pleno aprobou por unanimidade e de forma definitiva a modificación puntual do Estudo de detalle da unidade de xestión número 16 (UX-16), de Santas Mariñas. Ademais, deuse visto bo a dous recursos: un de reposición interposto contra o acordo de aprobación definitiva do Plan especial de protección e rehabilitación do conxunto fabril da antiga papeleira de Vidán (SUNP-29), en Brandía; e outro de revisión, interposto contra o acordo de aprobación definitiva do Plan de sectorización do SUNP-25. Roxos.

Albergue para peregrinos
Finalmente, ratificouse o Convenio de colaboración entre a Arquiconfraría Universal do Apóstolo Santiago e o Concello, para a construción dun albergue nunha finca do Seminario Menor. O proxecto arquitectónico tivo unha valoración positiva dos técnicos do Concello.

Compartir: