CULTURA

Sarabela Teatro trae ao Principal unha "vigorosa" versión de "Macbeth"

25/09/2007 Despois de ano e medio sen vir a Santiago, chega de novo ao Teatro Principal a compañía Sarabela Teatro. Nesta ocasión trae outro clásico de William Shakespeare, nesta ocasión nunha versión adaptada por José Ramón Fernández e dirixida por Helena Pimenta, unha especialista na dirección de clásicos.

As representacións terán lugar o xoves 27 e o venres 28, ás 21:00 horas. Nelas, o espectador atopará un espectáculo "cun gran ritmo, moi visual e que ten pouca compaixón dos personaxes", en palabras do encargado de dar vida a Macbeth, Fernando Dacosta. "É unha aposta moi vigorosa", reitera outra das compoñentes do reparto, Fina Calleja".

A obra conta a historia dun Macbeth que regresa vitorioso da batalla. Instigado polas premonicións de tres bruxas que lle auguran un futuro como rei, decide forxar o seu destino e asasinar a Duncan para ocupar o seu posto. Macbeth gobernará coma un tirano ata que se cumpra unha nova profecía: ser derrocado por un home non nacido de muller.

Esta representación vén a demostrar a plena actualidade de clásicos coma Macbeth. Non é Escocia, pero si hai guerra, con referencias visuais que remiten á guerra dos Balcáns. A violencia está "latente" a través destes referentes e do pulso da interpretación.

Compartir: