ALCALDÍA

O alcalde agarda que a Cidade da Cultura sexa "o éxito que toda Galicia merece"

25/09/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, realizou unha visita guiada á Cidade da Cultura na compaña de boa parte da Corporación local, dos membros do Consello Económico e Social e das institucións máis representativas da cidade. Todos eles puideron coñecer polo miúdo o proxecto arquitectónico e cultural e ver o estado das obras.

Para Sánchez Bugallo, a visita permitiu comprobar "a calidade do proxecto arquitectónico". Na súa opinión, "moitas opinións preconcibidas acabaríanse se a xente puidese visitar estas obras". En calquera caso, reiterou a necesidade de rematar as obras, valorizar o complexo e convertelo no "éxito que toda Galicia merece".

A visita dos representantes económicos e sociais da cidade serve de preámbulo ás visitas á Cidade da Cultura das que poderán disfrutar os composteláns durante o mes de outubro. Será grazas ao programa "Vivir Compostela". Todos poderán ver os edificios xa rematados e as obras dos que aínda están en marcha: Biblioteca Nacional, Arquivo Nacional de Galicia, Museo da Historia de Galicia, etc.

Compartir: