ALCALDÍA

O Grupo de Cidades Patrimonio solicitará a implicación do Goberno central na eliminación do cableado dos cascos históricos

24/09/2007 Cuenca acolleu a Asemblea ordinaria do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Representando a Santiago estivo a concelleira Mar Martín. Na reunión acordouse solicitar unha entrevista coa vicepresidenta do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, para trasladarlle unha serie de problemas cos que se atopan as cidades patrimonio, como a eliminación do cableado dos cascos históricos.

O alcalde de Cuenca e presidente do Grupo, Francisco Javier Pulido, afirmou que existe unha gran dificultade á hora de acometer esta eliminación do cableado, porque hai moitas partes ás que poñer de acordo e todo isto supón un gran custo económico que non está moi claro quen tería que asumir. Respecto a esta cuestión, tamén se lle exporá á vicepresidenta a posibilidade de que o IBI que se deixa de pagar polos edificios declarados Bens de Interese Cultural ubicados nas cidades do Grupo, reverta nos seus concellos.

Na xuntanza, celebrada no salón de sesións do Concello de Cuenca, déronse cita xunto co alcalde de Cuenca e presidente do Grupo, Francisco Javier Pulido, os rexidores de Ávila, Miguel Ángel García Nieto; Mérida, José Ángel Calle Gragera; Salamanca, Julián Lanzarote, Sastre; Segovia, Pedro Arahuetes García e Toledo, Emiliano García-Page Sánchez, así coma os concelleiros delegados de Alcalá de Henares, Gustavo Severien; Córdoba, Francisco Tejada; Ibiza, Santiago Pizarro; San Cristóbal de La Laguna, Mª Cruz Díaz e Firencia Iglesias; Santiago de Compostela, Mar Martín; e Toledo, Milagros Tolón Jaime.

Ademais dos asuntos indicados, na Asemblea realizouse a entrega de insignias do Grupo aos alcaldes que ingresan por primeira vez como representantes das corporacións asociadas. Tamén se revisaron os acordos adoptados pola Comisión Executiva do 5 de setembro. Entre estes asuntos destaca a ratificación das cotas anuais e a creación dun grupo de traballo para la programación das actividades que se desenvolverán con motivo do décimo quinto aniversario da Asociación, cuxo acto central se terá lugar en Ávila, como sede oficial, o 17 de setembro de 2008.

Durante a Asemblea tamén se informou de a campaña de promoción turística e cultural que acontecerá a principios de outubro en Montreal e Chicago, e na que participarán representantes de todas as cidades do Grupo. Esta campaña está respaldada por Turespaña e polos respectivos consulados e contempla distintas xornadas técnicas con profesionais do sector turístico e prensa especializada, así como encontros con personalidades do mundo da cultura.

Grupo Español de Cidades Patrimonio da Humanidade
O Grupo creouse en 1993 coa finalidade de actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio histórico e cultural destas cidades e no mantemento e potenciación de determinadas formas de vida que estes núcleos históricos necesitan, realizando proxectos e propostas comúns, establecendo políticas de intercambios de experiencias e afrontando problemas comúns. Todo isto mantendo a personalidade de cada unha destas cidades e recoñecendo que a riqueza dun conxunto histórico estriba na súa individualidade.

A través das actuacións desenvolvidas no marco da Asociación creouse unha imaxe que se relaciona con calidade e beleza, unha imaxe que se potencia de xeito especial no ámbito turístico.

Compartir: