ALCALDÍA

Fontiñas contará con novo pavillón polideportivo nos primeiros meses de 2009

24/09/2007 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e as conselleiras de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, e de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, asinaron un convenio de colaboración para a construción dun pavillón polideportivo en Fontiñas. Esta obra conta cun investimento de 2,5 millóns de euros, distribuídos en 3 anualidades, achegando cada unha das partes preto de 833.333 euros

Xosé Sánchez Bugallo salientou "a coordinación de esforzos" realizada entre as dúas Consellerías e o Concello de Santiago para impulsar a construción desta instalación deportiva, indicando que tivo que superar un complicado estudo xeotérmico. Así, o rexedor compostelán destacou que esta obra sacarase a licitación inmediatamente, contará cun prazo de execución de 12-18 meses e inaugurarase nos primeiros meses de 2009.

Pola súa parte, a máxima responsable da Administración educativa autonómica destacou que "hoxe é un día especial", pois supón a materialización dun "proxecto conxunto entre dúas Administracións autonómicas e a Administración local de Santiago" para favorecer a práctica deportiva entre a sociedade en xeral e a comunidade educativa. Neste senso, Sánchez Piñón salientou que esta iniciativa enmárcase na filosofía da Consellería de cara a non repetir instalacións e executar infraestruturas de maior calidade.

Así mesmo, a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, subliñou "a boa colaboración" que reflicte este convenio entre as distintas administracións e destacou "a optimización dos recursos" que se vai levar a cabo con este centro, que acollerá aos alumnos de dous colexios máis ao público en xeral.

Licitación e xestión
En virtude deste convenio, o Concello de Santiago de Compostela comprométese a licitar e contratar as obras, así como as asistencias técnicas precisas para a dirección da obra e do control de seguridade e saúde. A xestión, mantemento e conservación do pavillón polideportivo será responsabilidade tamén do Concello de Santiago de Compostela. Esta xestión deberá ter en conta que a finalidade da instalación atenderá prioritariamente ás necesidades que presente a comunidade escolar do IES Antonio Fraguas Fraguas e do CEIP das Fontiñas. A vixencia deste convenio estenderase ata o 31 de decembro de 2009.

Así, a dirección do centro educativo estará informada do uso que se faga da instalación deportiva, establecéndose a seguinte orde de prioridade: 1) actividades do centro educativo en horario lectivo; e 2) actividades do Concello fóra do horario lectivo. Neste punto, o Concello deberá ter en conta tamén as necesidades do centro educativo para programar actividades extraescolares.

Documentos relacionados



Compartir: