BENESTAR SOCIAL

O Concello colabora coa asociación Aspanaes no financiamento dun servizo de transporte adaptado

21/09/2007 O Concello de Santiago de Compostela, a través da Concellaría de Benestar Social, aporta 2.500 euros á Asociación de Pais de Persoas con Trastornos de Espectro Autista da Provincia da Coruña (ASPANAES) para a posta en marcha dun servizo de transporte adaptado.

O texto do convenio no que se recolle a axuda será aprobado na sesión da Xunta de Goberno Local do luns 24 de setembro e a súa sinatura formalizarase nas vindeiras datas. Grazas a esta colaboración, Aspanaes poderá financiar o servizo de transporte adaptado que permite que tanto os nenos e nenas do colexio de educación especial "Duques de Lugo" como os usuarios do centro de día "Lamas de Abade, ambos en Santiago, poidan contar cos medios adecuados para o seu traslado aos centros.

Aspanaes está a desenvolver actividades de promoción social e desenvolvemento comunitario, encamiñadas basicamente a responder ás necesidades dos nenos e nenas, mozos e adultos con autismo e outros trastornos xeralizados do desenvolvemento a través de actividades asistenciais, educativas, recreativas, culturais, deportivas e laborais; mediante a promoción, creación, organización e o patrocinio de centros de diagnóstico e avaliación, unidades de atención especializada, investigación e experimentación, centros de terapia, residencias, centros de día, centros ocupacionais, centros de traballo e outros.

Compartir: