URBANISMO

Visto bo ao novo complexo educativo do Colexio Manuel Peleteiro en Montouto

21/09/2007 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que o no Pleno do martes 25 de setembro aprobarase definitivamente o Plan especial de equipamento docente de Monte Redondo (Montouto), que permitirá a construción do novo complexo do Colexio Manuel Peleteiro.

O obxectivo é que en 2009 poida estar listo este novo complexo, para que se efectúe o traslado dende as actuais instalacións no centro da cidade. Con esta aprobación definitiva, os promotores xa poden solicitar a licenza de obra para este campus educativo, que se situará entre a estrada C-541 (Santiago- A Estrada) e a autovía de Santiago a Ourense.

A actuación ocupará unha superficie de 68.822 metros cadrados, dos cales 13.562 dedicaranse ás edificacións, que serán de baixo e unha planta. O complexo contará con tres módulos diferenciados para infantil, primaria e secundaria. Complétase con outras dotacións comúns, coma un salón de actos, un ximnasio, residencias masculina e feminina, un polideportivo e outras aulas e servizos complementarios.

Na área que hoxe ocupa o Colexio Manuel Peleteiro, a Corporación Caixa Galicia levará a cabo un proxecto que contempla un máximo de 12.000 metros cadrados para uso terciario, aparcadoiro e unha área residencial comunitaria, entre outras dotacións.

Documentos relacionados



Compartir: