REFORMA ADMINISTRATIVA

Os centros socioculturais de Fontiñas e do Ensanche incorpóranse como rexistros auxiliares

21/09/2007 A concelleira de Persoal e Reforma Administrativa, Rosa Fernández, presentou a proposta de creación e funcionamento de rexistros auxiliares para a entrada e saída de documentos. A Xunta de Goberno do luns 24 de setembro aprobará esta proposta, que crea rexistros nos centros socioculturais de Fontiñas e de Ensanche, e que concede á Oficina de Atención ao Contribuínte a facultade de admitir tamén a saída de documentos.

Segundo explicou a concelleira, estas medidas pretenden "incrementar a desconcentración e estar máis próximos aos cidadáns". O obxectivo é dobre: por un lado formalizar algúns rexistros que xa funcionaban actualmente e crear outros novos.

En todo caso, destacou que se trata de rexistros auxiliares do Rexistro Central. Nun mes aproximadamente estarán todos en funcionamento de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. O Rexistro Xeral seguirá abrindo tamén os sábados. Ademais, vaise a seguir fomentando e facilitando a presentación telemática.

Deste xeito, queda como rexistro auxiliar para entrada e saída de documentación a Oficina de Atención ao Contribuínte, situado na rúa Salvador Allende. Como rexistros auxiliares para a entrada de documentación establécense os seguintes: rexistro dos servizos xerais da Dirección da Área de Urbanismo (2º andar do Pazo de Raxoi), Rexistro dos servizos do Casco Histórico (praza de Cervantes), Rexistro do Servizo de Contratación e Servizos Comunitarios (rúa Salvador Allende), Rexistro do Centro Sociocultural de Fontiñas (avenida de Lisboa) e Rexistro do Centro Sociocultural do Ensanche (rúa Frei Rosendo Salvado).

Regulamento do Pleno
Por outra parte, e unha vez pasado pola Comisión Informativa, o Pleno do 25 de setembro aprobará inicialmente o novo regulamento do Pleno municipal. Logo abrirase o prazo de exposición pública dun mes.

O alcalde definiu este regulamento como "o máis aberto que eu coñezo e moi novidoso", en especial referencia ao rexistro de intereses dos concelleiros que creará.

Compartir: