URBANISMO

Un concurso de ideas "moi aberto" determinará o anteproxecto de remodelación da Praza de Galicia

21/09/2007 A Xunta de Goberno do luns 24 aprobará as bases do concurso de ideas que permitirá seleccionar un anteproxecto para a remodelación e recuperación urbana da Praza de Galicia. O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou as liñas básicas deste concurso, que definiu como "moi aberto".

As propostas deberán solucionar cuestións como o tráfico rodado e peonil, o transporte público e colectivo, a ordenación do espazo público, o aparcadoiro e os accesos e a integración ambiental e urbana. Como mínimo, os traballos terán que contar cun estudo de circulación, xiros e direccións de tráfico; a localización e definición das paradas de autobús e de taxe e unha planta funcional completa do espazo entre fachadas, con localización de accesos rodados e peonís ao aparcadoiro, situación das beirarrúas, carrís, paso de peóns e paradas de transporte. Ademais, deberase ordenar e deseñar o espazo público, incluída vexetación, instalacións complementarias, mobiliario e iluminación pública.

O xurado que determinará a proposta gañadora estará presidido polo arquitecto galego Manuel Gallego Jorreto, recentemente elixido polo Consorcio para remodelar o edificio do Banco de España. A súa decisión atenderá a criterios de calidade estética do conxunto, da funcionalidade, da calidade técnica, dos programas medioambientais e da relación calidade/custo.

Para incentivar a presentación de propostas, o concurso fixa un primeiro premio de 12.000 euros. Haberá tamén recompensa para os tres seguintes clasificados de 6.000, 3.000 e 2.000 euros.

Unha vez convocado o concurso, o 24 de setembro, ábrese un prazo de dous meses dende a publicación das bases no DOG para a realización de consultas. Posteriormente, haberá un prazo dun mes para a presentación de propostas. O xurado fallará logo nun prazo máximo de dous meses.

Compartir: