TURISMO

As visitas á Cidade da Cultura, principal novidade dunha nova edición de "Vivir Compostela"

21/09/2007 O Concello de Santiago invita a todos os cidadáns a sumarse á campaña Vivir Compostela durante o mes de outubro, para redescubrir a súa cidade e gozar dos seus mellores recursos turísticos. Nas dúas anteriores edicións, máis de 19.000 cidadáns participaron nesta iniciativa. A principal novidade de 2007, as visitas á Cidade da Cultura.

"Durante todo o mes de outubro, as visitas guiadas, as excursións e os percorridos didácticos deseñados por Turismo de Santiago permitirán á cidadanía converterse en protagonista do fenómeno turístico", apuntou o concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias. "Deste xeito a poboación non só coñece mellor os recursos dos que dispón a cidade para o seu tempo de lecer, senón que ademais se sensibiliza ante o significado do turismo para a vida local e comprende os beneficios que deixa no seu entorno", engadiu.

Vivir Compostela ofrece no 2007 máis de 20 actividades distintas, pois incorpora todos os Compostela Walking Tours de Turismo de Santiago e novidades como a visita ás obras da Cidade da Cultura de Galicia, ao Museo da Catedral e á exposición Galicia Dixital.

Cidade da Cultura
Respecto da visita á Cidade da Cultura, o xerente da súa Fundación, Francisco Carracedo, indicou que vai na liña de "posta en valor" do complexo tanto dende o punto de vista arquitectónico como cultural, polo que a intención é manter as visitas ao longo de todo o ano.

Precisamente, a mañá do martes 25 haberá unha primeira visita á Cidade da Cultura na que participará o alcalde e a Corporación, acompañados polos integrantes do Consello Económico e Social e do Consello de Relacións Veciñais.

Para todos os composteláns
Particulares, familias, grupos escolares, centros socioculturais, asociacións de veciños, asociacións de mulleres, grupos profesionais e empresas poderán gozar do novo tour gastronómico, da visita guiada polas igrexas, do tour nocturno e do percorrido polas obras da Cidade da Cultura. Tamén están dispoñibles a subida ás cubertas da Catedral, a ruta da arquitectura contemporánea, dos conventos de clausura, do casco histórico e do patrimonio da Universidade.

Son novas as visitas guiadas polo Museo da Catedral e á exposición Galicia Dixital, que se suman ás do CGAC, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Granell e o Museo das Peregrinacións.

Do tren turístico ás excursións
Outras opcións de lecer son o paseo co novo tren turístico e o aluguer da audioguía dixital para paseos libres, así como as excursións de día completo de Compostela Visión a Fisterra e ás Rías Baixas.

Para escolares hai ademais un percorrido diario, didáctico e feito á súa medida, que combina o casco histórico e o tren turístico.

O único requisito para participar é ser un cidadán censado en Santiago ou traballar na cidade. As visitas e excursións reservaranse nos teléfonos 981 592 333 e 981 935 345, ou polo correo electrónico comercial@trevisani.es, de luns a venres en horario de 9 a 14 e de 16 a 19 horas. Para máis información, ponse en funcionamento o luns 21 a web www.santiagoturismo.com/vivircompostela2007 e edítase un folleto que circulará o venres 28 de setembro na prensa local.

Compartir: