CULTURA

Miah Persson debuta en España como solista no segundo concerto do Ciclo de Lied

20/09/2007 Tralo éxito do concerto inaugural dedicado a Shakespeare o 11 de setembro, continúa no Teatro Principal o ciclo de Lied de Santiago de Compostela que organiza a Concellaría de Cultura en colaboración coa S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e a Asociación Galega da Lírica. A soprano Miah Persson é a protagonista deste segundo concerto que comezará ás 21 horas do venres 21 de setembro no Principal.

Esta soprano sueca é unha das novas estrelas da lírica e está a desenvolver unha importante carreira internacional con aparicións en ópera, concerto e recital nos máis senlleiros teatros e festivais do mundo (Viena, Salzburgo, Londres, Aix-en-Provence, Amsterdam, Bruxelas, París, Glyndebourne, Os Ánxeles, Estocolmo, Nova York...) e actuacións e gravacións con reputados directores como Baremboim, Boulez, Gardiner, Harnoncourt, Jacobs, Askhenazy, Minkowski, Herreweghe, Bychkov, etc.

Este concerto, no que actuará na compañía de Roger Vignoles (pianista inglés estreitamente vinculado a este ciclo compostelá) supón o debut de Miah Persson en Galicia e o seu primeiro recital solista en España.

³Teatro, Canción, Cabaré² é o título desta oitava edición do Ciclo de Lied no que, tras o protagonismo do teatro shakesperiano no primeiro concerto, éntrase de cheo no lied, na canción, nun programa dividido en dúas partes: a primeira dedicada ao lied xermano (a través de tres visións tan especiais e ao tempo diversas como as de Brahms, Liszt e Richard Strauss) e outra ao particular estilo que os compositores nórdicos imprimiron á canción (compartirán cartel co lendario Grieg compositores máis descoñecidos como Stenhammar e Nystroem).

Compartir: