COMERCIO

O 26 de setembro remata o prazo para que os comerciantes se inscriban no Concurso de Escaparatismo

20/09/2007 O 26 de setembro remata o prazo para inscribirse na edición de outono do Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping 2007. A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo xa remitiu as bases do certame aos aproximadamente 2.500 comercios que existen en Santiago.

O concurso, que conta cun orzamento de 46.000 euros, consta de catro edicións anuais: Primavera, Verán, Outono e Nadal. En cada edición elíxense tres premiados, e ao final de ano, nomease un gañador final. Será o establecemento que manteña unha maior continuidade na súa imaxe ao longo das catro edicións. Na edición de verán os premiados foron, por este orde, o atelier de moda Pret-a-Couture Belén Mosquera, o comercio de xabóns Enjabonarte e a tenda de marroquinería Media Lúa.

Para participar, os comerciantes só teñen que rellenar o formulario que se adxunta coas bases e envialo por fax ao número 981 554 296. Tamén se poden inscribir a través do correo electrónico escaparatismo@santiagodecompostela.gal, facendo constar os seguintes datos: nome do estabelecemento, sector, nome e apelidos do propietario, enderezo, teléfono, fax e correo electrónico.

O IV Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping quere servir de incentivo da capacidade creativa, emprendedora e imaxinativa dos estabelecementos composteláns. A través do deseño dos escaparates preténdese, dun xeito orixinal, atractivo e efectivo, presentar a calidade dos nosos productos a composteláns e visitantes. Os motivos son libres. O xurado valorará a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria que transmite o escaparate. Os premios consisten en investimentos en promocións publicitarias. A publicidade, a nivel local, inclue campañas en televisión, en prensa e en radio para os primeiros clasificados; e en prensa e radio para os segundos e os terceiros.

Compartir: