TURISMO

A Secretaría de Turismo propón aos municipios galegos crear entes mixtos de xestión turística

20/09/2007 Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Sanxenxo, Fisterra e Cuntis poderían ser algúns dos municipios pioneiros en sumarse á proposta da Secretaría General de Turismo para a creación e mellora de entidades público-privadas de xestión da actividade turística local.

Turismo de Santiago foi o anfitrión dunha xuntanza entre os responsables turísticos dos sete municipios galegos interesados en acollerse ao plan do Ministerio de Industria, Turismo y Comercio e a Federación Española de Municipios y Provincias para apoiar ás entidades mixtas de xestión turística.

O propósito deste proxecto piloto, presentado en Santiago de Compostela por Luis Pujol, director de Consultur, é o de facilitar os medios técnicos e financeiros para que os municipios poidan crear órganos de xestión e promoción turística que combinen a presenza da administración local e o sector empresarial.

A xuntanza, encabezada polo concelleiro compostelán de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, serviu para achegar aos responsables turísticos de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Sanxenxo, Fisterra e Cuntis a unha forma de xestión que reforza a competitividade e o desenvolvemento económico sostíbel da actividade turística local grazas á participación pública e privada.

Un proxecto en tres fases
A creación destas entidades mixtas pasará por tres fases de actuación que inclúen o diagnóstico e definición do modelo adecuado para cada municipio, accións de formación e asistencia técnica ás entidades seleccionadas para a elaboración do seu propio proxecto, que deberá ser presentado a FEMP para a obtención de apoio técnico e económico.

A iniciativa parte dun convenio de colaboración asinado entre a Secretaría General de Turismo e a FEMP para o desenvolvemento de proxectos que melloren a competitividade do sector turístico español.

Compartir: