ALCALDÍA

Representantes de universidades de Europa e América debaten en Santiago sobre o acceso laboral dos graduados

20/09/2007 O Grupo Compostela de Universidades celebra en Santiago a súa XIII Asemblea Xeral. O xoves 20 e o venres 21, no Centro de Estudos Avanzados (Finca Vista Alegre), os membros deste colectivo estudan a traxectoria dos universitarios dende antes de acceder á carreira ata a súa inserción no mercado laboral. Dentro do programa da Asemblea estaba unha visita a Raxoi, onde os participantes foron recibidos polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo.

O calendario de actividades inclúe unha serie de conferencias e mesas redondas sobre a inserción profesional dos universitarios. Ademais, a o encontro servirá para elixir o novo presidente do Grupo Compostela, unha vez esgotado o mandato de Michael Cooper. Unicamente se presentou un candidato, Maurits van Rooijen, da Universidade de Westminster (Gran Bretaña).

Grupo Compostela de Universidades
O Grupo Compostela de Universidades creouse en 1995 para agrupar nunha rede ás universidades e institucións de educación superior emprazadas ao longo do antigo Camiño de Santiago. O seu obxectivo era incrementar a cooperación universitaria e preservar a herdanza cultural e histórica.

Debido ao éxito da iniciativa, en 2004 decidiuse permitir que institucións non europeas puideran unirse a este grupo. Na actualidade son máis de setenta as universidades e institucións de ensino superior que o compoñen, pertencentes a Australia, Bélxica, República Checa, Dinamarca, Finlandia, Francia, Alemaña, Grecia, Hungría, Italia, Kosovo, Luxemburgo, Malta, México, Holanda, Noruega, Perú, Polonia, Portugal, Rusia, España, Suecia, Suíza e Reino Unido.

Entre os fins do Grupo están estimular a mobilidade dos universitarios, favorecer proxectos conxuntos de investigación e a formación de posgrao, e promover o desenvolvemento curricular e os proxectos conxuntos.

Compartir: