ALCALDÍA

O novo director do Aeroporto de Lavacolla confía en superar a cifra anual dos dous millóns de pasaxeiros

20/09/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu ao novo director do Aeroporto de Lavacolla, Luis Rey Pomar. Na xuntanza abordáronse algúns dos temas de actualidade que afectan á terminal e ratificouse a intención de seguir colaborando estreitamente para consolidar a Santiago no mercado aeroportuario español e internacional.

Sánchez Bugallo deu a benvida ao novo director, "un vello coñecido, pois xa traballou no Aeroporto de Lavacolla". Ademais, ofreceulle a "máxima colaboración" do Concello nas súas novas responsabilidades e lembrou que "o noso aeroporto é unha aposta estratéxica".

Pola súa parte, Luis Rey Pomar, comprometeu a súa "dedicación para que o Aeroporto siga medrando". Neste sentido, expresou a súa confianza en que neste 2007 se supere a cifra dos dous millóns de pasaxeiros.

No encontro non faltaron referencias a temas como a nova Terminal de Lavacolla, cuxa construción está previsto que se licite nos primeiros días de outubro, co fin de que as obras comecen en xaneiro e estean rematadas para o comezo de 2010.

Luis Rey Pomar asume o cargo de director do Aeroporto de Lavacolla en substitución de Juan José Maceira González, presente tamén na xuntanza e que se xubila. Ata agora dirixía o aeródromo de Peinador.

Compartir: