PLENO

O novo regulamento do Pleno potenciará a participación e creará un rexistro público de bens dos concelleiros

20/09/2007 A concelleira de Réxime Interior, Rosa Fernández Somoza, presentou o proxecto de Regulamento Orgánico Municipal de Funcionamento do Pleno do Concello de Santiago de Compostela. O novo documento facilitará a participación cidadá e a transparencia na xestión do Goberno.

A principal novidade do regulamento é o establecemento do Estatuto do Concelleiro. O mesmo posibilitará a creación dun Rexistro de Intereses, de carácter público e accesible para todos os veciños a través da páxina web municipal. "O Rexistro incluíra as declaracións de incompatibilidades e información dos bens patrimoniais do concelleiros", apuntou Rosa Fernández. Paralelamente estase a traballar no modelo que se utilizará para estas declaracións.

O texto tamén regula máis polo miúdo sistema de control dos grupos políticos ao goberno municipal. Nesta liña, porase en marcha o "Debate do Estado do Concello", un sistema de control público da acción de goberno. Segundo indicou a concelleira, "este debate será anual e servirá dar conta da acción do Goberno municipal e das propostas de futuro".

Queixas e suxestións dos cidadáns
Ademais, o regulamento nace para facilitar unha maior participación cidadá e para garantir a transparencia na xestión de goberno. Por isto, crea a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións, co obxectivo de velar polo cumprimento dos dereitos dos cidadáns.

Habilitarase unha Oficina como soporte administrativo desta Comisión. Na mesma os veciños poderán formular suxestións e queixas, das que se dará traslado a cada departamento municipal, coa obriga de respondelos no prazo máximo dun mes.

A Comisión, na que estarán representados todos os grupos municipais, será a segunda instancia para as queixas que non se resolvan por esta primeira vía. Ademais, elaborará un informe anual con todas as realizadas.

En liñas xerais, o regulamento potencia o carácter parlamentario do Pleno, nas súas facetas de debate, control e fiscalización. Aséntase tamén o seu carácter receptivo, tanto das propostas dos grupos da oposición como dos propios veciños de Compostela. A súa redacción adáptase á Lei de Grandes Cidades e substitúe á anterior, que data de 1990.

En canto ao desenvolvemento dos plenos, o regulamento dótaos de máis axilidade. Ademais, amplíanse as quendas de participación.

Este proxecto de regulamento será sometido ao debate dos tres grupos municipais e á posterior exposición pública, na que se poderán formular as alegacións oportunas

Compartir: