URBANISMO

O planeamento urbanístico será dixitalizado e posto a disposición dos cidadáns

20/09/2007 Santiago de Compostela foi elixido por Red.es, entidade dependente do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, para participar nun proxecto piloto para introducir as tecnoloxías da comunicación na xestión urbanística municipal. Esta iniciativa permitirá que calquera cidadán poida acceder de xeito doado ao planeamento municipal, que será dixitalizado.

A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, explicou que as actuacións consisten "na dixitalización de toda a información relativa ao planeamento urbanístico, na implantación dun Sistema de Información Xeográfica (SIG) para referenciar os datos dixitalizados e no desenvolvemento das aplicacións que permitan integrar esta información para que poidan acceder a ela os cidadáns". O custo do proxecto é de 155.216 euros, dos cales o Concello achega o 40% (62.086 euros), e Red.es o 60% restante (93.130 euros)

Segundo explicou o responsable de Cartografía do Departamento de Urbanismo, Rogelio Canedo, con este proxecto "pasaremos de ter un planeamento en papel ou en CAD a un modelo dixital normalizado". O primeiro beneficiario da iniciativa será o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que será dixitalizado na primeira fase do proxecto, cuxo comezo está previsto para outubro e cunha duración de tres meses. Neste prazo poderá ser xa totalmente accesible a través de internet. Posteriormente, dixitalizarase o resto do planeamento, co obxectivo tamén de que se dixitalice o que ser realice a partir de agora.

Dentro do proxecto piloto, o Concello de Santiago da xestión, para o cal designará un responsable do proxecto, encargado da interlocución con Red.es e da coordinación e supervisión. O Concello tamén desenvolverá un visor web para presentar a información urbanística, adquirirá as aplicacións para a prestación do servizo e mercará e implantará os módulos do Sistema de Información Xeográfica para a publicación en internet.

Accesibilidade e intercambio de información
Ao respecto do traballo informático, o responsable de Informática do Concello, Jesús Rodríguez, indicou que o obxectivo básico é "facer máis accesible a información, para que tamén todos os departamentos e mesmo as Administracións poidan compartir información e potenciar o uso de internet". Con isto, dixo "cargaremos con máis servizos o portal web e facilitaremos a utilización destes datos".

Neste sentido, a concelleira de Reforma Administrativa, Rosa Fernández Somoza, indicou que a participación neste proxecto é "unha aposta decidida polas novas tecnoloxías no Concello, dentro do plan de modernización e transparencia da Administración cara os cidadáns".

Estas actuacións piloto forman parte dun programa que é froito dun convenio marco de colaboración asinado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, Red.es e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). O obxectivo final do proxecto a converter o planeamento urbanístico en información dixital en todas as fases da súa redacción, tramitación e aplicación.

Ademais de Santiago, foron seleccionados para este proxecto piloto os concellos da Coruña, Abegondo, Terrasa (Barcelona), Cuenca, Sevilla, Miguelturra (Ciudad Real) e Puertolumbreras (Murcia), ademais do Principado de Asturias, da Mancomunidade Sagra Alta (Toledo) e da Diputación de Badajoz. Red.es destina un presuposto de 1,2 millóns de euros para a realización do proxecto na súa totalidade.

Compartir: