TURISMO

Os responsables turísticos do Camiño de Komanu visitarán Compostela en outubro

19/09/2007 Tras un traballo conxunto de 3 anos, as rutas de peregrinación de Santiago e de Komanu emprenderán a súa promoción conxunta en Europa e Xapón. A asistencia á feira JATA de Tokio e as xuntanzas cos responsables turísticos da cidade de Tanabe e do Camiño de Komanu permitiron á delegación de Turismo de Santiago consolidar a imaxe turística de Compostela en Xapón.

A presenza en Xapón dunha delegación de Turismo de Santiago, encabezada polo concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, abre novas posibilidades para a promoción do turismo cara á capital galega nese mercado.

Segundo Iglesias, este mercado lonxano pero moi activo será fonte de renovadas acción promocionais, como a que levou á empresa municipal de turismo por quinto ano consecutivo cun stand propio á JATA World Travel Fair de Tokio, que reuniu ata o domingo 16 a máis de 100.000 visitantes.

Camiños xemelgos
A delegación compostelá prestou especial atención á continuación do seu traballo conxunto cos responsables turísticos do Camiño de Komanu, que ao igual que o Camiño de Santiago foi declarado Patrimonio da Humanidade e move a milleiros de peregrinos sintoístas e budistas cada ano.

Tal como informou Iglesias, a xuntanza con Brad Towle, director da Oficina de Turismo de Tanabe, permitiu seguir traballando nun proxecto común, o da promoción de ambos camiños como rutas xemelgas.

Os responsables turísticos de Tanabe visitarán Santiago de Compostela en outubro, para coñecer o modelo de promoción compostelán e "entender as chaves da dinamización turística da cidade como meta de peregrinación e destino turístico", sinalou o concelleiro.

Á súa vez, a imaxe do camiño xaponés serviría para intensificar a promoción da ruta xacobea dentro de Xapón.

Turismo de Santiago ofreceu así mesmo asesoramento aos guías turísticos do centro de Interpretación do Camiño de Komanu e sostivo xuntanzas co alcalde doutra cidade desa ruta, Ise, cos promotores turísticos da prefectura de Wakayama, co director do IGAPE en Tokio, Pedro Gallego, e cos responsables das universidades de Wakayama e Kobe, entre outros.

Compartir: