DEPORTES

O campión do Open Galego de Descenso en Mountain Bike decidirase en Santiago

19/09/2007 O Monte Pedroso acollerá o domingo 23 de setembro o I Gran Premio Santiago DH, última proba do Open Galego de Descenso en Mountain Bike, que definirá ao campión desta competición nas distintas categorías. O clube compostelán conta, na organización deste gran premio, coa colaboración da Fundación Compostela Deporte e do Concello de Santiago.

O vicepresidente da Fundación Compostela Deporte e concelleiro de Deportes de Santiago, Andrés Fariña, comentou na presentación da proba que "será bastante atractiva desde o punto de vista do espectáculo, porque o mountain bike é un deporte en auxe". Ademais de subliñar que para as entidades que representa é moi importante "apoiar a todas as novas modalidades, non só ás maioritarias dende o punto de vista da demanda, e ao esforzo de xente amante do deporte para que poidan ter a súa manifestación e exhibición".

Fariña tamén salientou a importancia de "utilizar os recursos naturais que temos na cidade como recintos. O Monte Pedroso pode ser un escenario importante para a práctica de moitos deportes co investimento que se faga na súa adaptación para que os participantes disfruten do lugar, e intentar integrar a natureza na nosa preocupación".

Os organizadores deste gran premio agardan á participación de aproximadamente 120 corredores, pertencentes a oito categorías. As inscricións para participar no I Gran Premio Santiago DH poderán facerse o mesmo día da proba na liña de meta. O prezo é de 6 euros para os deportistas federados. A cota para os deportistas non federados é de oito euros a maiores, que cubrirán o seguro de participación.

O circuíto ten unha lonxitude aproximada de 3 quilómetros. A organización cualifícao de apto para todos os niveis e, ao mesmo tempo, espectacular, debido a que os corredores que aspiren a gañar a proba terán que baixalo moi rápido polos diversos tramos e saltos que posúe.

Compartir: