EDUCACIÓN

As cinco escolas infantís municipais estarán en funcionamento no curso 2008-2009

19/09/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, apuntou que para o curso 2008-2009 estarán en funcionamento as cinco escolas infantís municipais. Ás de Fontiñas e Conxo, engadirase en breve a de San Roque e, posteriormente, a do Polígono do Tambre e a de Tras Parlamento.

"A nosa intención é abrir a de San Roque no primeiro trimestre e que entre a funcionar no segundo trimestre deste mesmo curso escolar", indicou o alcalde na súa visita ás obras desta escola infantil, acompañado pola concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez. Ademais, afirmou que a previsión municipal é que "a finais deste curso estea dispoñible a de Tras parlamento e para o curso que vén, en setembro, ter operativo dende o primeiro trimestre a do Polígono do Tambre". Recordou que xa se está redactando proxecto de remodelación da escola infantil de Tras Parlamento, "que igual está dispoñible para o terceiro trimestre". Deste xeito, "no curso 2008-2009 teremos as cinco escolas infantís municipais operativas", concluíu.

Respecto da Escola Infantil de San Roque, Sánchez Bugallo destacou que "está orientada esencialmente cara o Casco Histórico e está concibida con catro unidades con capacidade para 61 nenos, se ben hai posibilidade de aplicar dobre turno e, polo tanto podería duplicarse esta capacidade en dous turnos". En particular, referiuse á virtude que supón que "os nenos poidan saír xogar a este parque, que é practicamente pechado; tamén van ter un parque interior descuberto e que se habilitará para que xoguen os nenos e un patio cuberto que funcionará de comedor polo mediodía e como espazo de xogo os días que chova".

O alcalde recordou que esta escola se integrarase na rede de Galescolas: "En principio a hipótese pola que nos estamos inclinando é a de manter Conxo e Fontiñas xestionadas directamente polo Concello e, previsiblemente, esta escola, xunto coa do Polígono do Tambre e, posiblemente, a do Parlamento se poidan integrar na rede de Galescolas". A idea municipal é "manter un sistema mixto para ver como funcionan as cousas e, en función da evolución, veremos se incorporamos todas as escolas á rede de Galescolas".

61 prazas
A escola de San Roque contará con 61 prazas para nenos entre 0 e 3 anos (40 para nenos e nenas de 2 a 3 anos; 13 para os que teñan de 1 a 2 anos; e 8 prazas para os menores de 1 ano). Pero estas prazas son a xornada completa, polo que a capacidade da escola incrementarase dependendo do número de demandas existentes a tempo parcial.

Está situada nunha parcela de 650 metros cadrados, situada entre a rúa das Rodas e a rúa Valle-Inclán, no borde oeste do parque de San Roque, que se verá a través de grandes cristaleiras desde a escola, o que a converte nun espazo moi agradable. Conta cunha superficie total útil de 480 metros cadrados e dispoñerá de 3 corpos organizados como tres bloques de actividades, dúas plantas e un patio exterior de xogos.

Compartir: