TRANSPORTES

O alcalde destaca o labor de Francisco Candela para "ter colocado á nosa cidade como referencia mundial" no plano turístico

19/09/2007 O ata agora concelleiro de Transportes e Mercados, Francisco Candela, anunciou a renuncia á súa acta de concelleiro nunha rolda de prensa conxunta co alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. Candela apuntou que se trataba dunha decisión que "tiña adoptada hai case dous anos" e que supón a súa volta ao ámbito profesional.

A renuncia de Francisco Candela xa se formalizou no Rexistro Xeral e incluirase no Pleno municipal do martes 25 de setembro. Deste xeito, porá fin á súa segunda etapa na Corporación compostelá, na que, dixo, traballou •"por seguir consolidando o proxecto de cidade". "A partir de agora vou seguir no plano cidadán colaborando e traballando pola cidade", concluíu.

Pola súa parte, expresou o seu "agradecemento" a Candela polo labor realizado e recordou que "cando se configurou a candidatura socialista, el pedira ir nun posto retrasado e que respectáramos o seu dereito a renunciar no momento en que o considerase oportuno; e hai tres semanas comunicoume que chegara ese momento". Sánchez Bugallo insistiu en que "sabiamos desta decisión cando se configurou o Goberno, para que Carlos Nieves puidera asumir inmediatamente as responsabilidades que deixara Francisco Candela".

Da traxectoria do concelleiro, o rexedor compostelán recordou a súa etapa ao fronte de Turismo: "Coa súa xestión o turismo viviu un cambio cualitativo que colocou á nosa cidade como unha referencia mundial", indicou. A creación de Incolsa ou a chegada dos voos baratos foron aspectos resaltados por Sánchez Bugallo dunha labor que, afirmou, fixo del "o mellor concelleiro de Turismo de España".

Trala renuncia de Francisco Candela, o número 11 das listas socialistas nas últimas eleccións, Carlos Nieves, asumirá as funcións de concelleiro de Transportes e Mercados no primeiro Pleno que se celebre en outubro. Non obstante, o 26 de setembro trasladarase xa ás súas novas dependencias para comezar a traballar no departamento.

Compartir: