ALCALDÍA

Os investigadores na comunicación demandarán en Santiago o desenvolvemento da súa disciplina como campo de estudo

18/09/2007 Do 31 de xaneiro ao 1 de febreiro de 2008, a Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago acollerá o Congreso I+C (Investigar a Comunicación). Será o encontro fundacional da Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC).

O decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Miguel Túñez, e o profesor Francisco Campos explicáronlle o programa deste congreso ao alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. As políticas de comunicación, a sociedade da información, a produción de contidos, a democracia e a cidadanía, a investigación da comunicación en España ou a cooperación España-América Latina serán algúns dos eixes temáticos do evento.

A AE-IC é unha entidade nacida coa vontade de potenciar a investigación da comunicación no conxunto da política científica, facilitar a cooperación e crear redes de intercambio de información entre investigadores, e establecer unha política de cooperación con asociacións internacionais de investigación. Entre os seus obxectivos inmediatos está o desenvolvemento teórico da Comunicación como disciplina e como campo de estudo no ámbito académico.

Compartir: