PROMOCIÓN ECONÓMICA

O proxecto Equal permitiu crear 56 empresas na comarca e dar traballo a 120 persoas

18/09/2007 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo do Concello de Santiago e presidente da Agrupación de Desenvolvemento Compostela Social, Xosé Manuel Iglesias, presidiu no Auditorio de Galicia a Asemblea Xeral da entidade, dentro do marco da iniciativa comunitaria Equal. Case dous anos despois do nacemento deste proxecto de fomento do autoemprego, a través do programa Equal Compostela Social, creáronse xa 56 empresas que dan traballo a 120 persoas, 59 mulleres e 61 homes; aos que hai que sumar outros 11 empregos creados para o desenvolvemento do proxecto. Con este número superouse o obxectivo inicial de constituír 50 empresas. Agora, o novo obxectivo é chegar ás 65 empresas.

Ademais de Xosé Manuel Iglesias, ao acto tamén asistiron o director xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo, Álvaro Ansias, os alcaldes dos concellos de Ames, Carlos Fernández; Boqueixón, Adolfo Gacio; Brión, José Luis García; Teo, Martiño Noriega; Val do Dubra, Juan Manuel Baleato; e Vedra, Odón Cobas. Tamén estaban presentes reponsables do resto de entidades que integran a Agrupación de Desenvolvemento Compostela Social: a USC, a Fundación para o Desenvolvemento Comarcal da comarca de Santiago, a Cámara de Comercio, a Plataforma polo Emprego, Cogami e Caixa Galicia a través da súa Obra Social .

A continuación, os representantes da Agrupación de Desenvolvemento Compostela Social asistiron a un almorzo de traballo dos membros da Rede de Cooperación Empresarial. O obxectivo desta rede é fomentar o desenvolvemento de proxectos de cooperación empresarial que axuden ás iniciativas xurdidas no programa Equal Compostela Social a mellorar a súa competitividade e a manter unha posición sólida no mercado. Unha vez finalizado o almorzo, comezou a visita ás empresas BS Artesanía, Gazafello, Katuxa, Petronio e Zoe.

Colectivos con dificultades de acceso ao mercado laboral
O Proxecto Equal Compostela Social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, nace en novembro do 2005. A súa finalidade é fomentar o espírito empresarial e a creación de empresas por parte daqueles colectivos de persoas da comarca de Santiago que presentan maiores dificultades para acceder ao mercado laboral e que teñen vocación emprendedora.

Os colectivos que participan no Proxecto Equal Compostela Social son principalmente mulleres, persoas maiores de 45 anos, persoas mozas sen cualificación, persoas que pertencen a familias monoparentais, persoas paradas de longa duración, persoas con discapacidade, inmigrantes e emigrantes retornados. O programa axúdaos a desenvolverse profesionalmente dende o punto de vista do autoemprego.

37 empresas en Santiago
Do total de 56 empresas creadas dentro da comarca de Santiago, 37 están no Concello de Santiago, 11 en Ames, 5 en Val do Dubra e unha en Brión, Teo e Vedra. Os principais sectores de actividade son: comercio (11 empresas), servizos socioeducativos-formación (7), hostalería (7) e deseño gráfico (5).

Dentro do Proxecto Equal Compostela Social puxéronse en marcha as seguintes actuacións, como 12 accións formativas en xestión empresarial, nas que participaron 200 persoas emprendedoras. Tamén se desenvolveron titorías personalizadas e un banco de ideas

Os participantes participaron no proceso de mentoring, un acordo voluntario de colaboración temporal entre unha empresa e unha persoa emprendedora do proxecto Equal Compostela Social. Ademais, favoreceuse o acceso a sistemas de financiamento e realizáronse boas prácticas para a eliminación de barreiras á participación e á conciliación da vida familiar e laboral.

Compartir: