EDUCACIÓN

A nova edición do programa "Coñecer as Cidades Patrimonio" unirá a alumnos de secundaria de Santiago e de Ávila

18/09/2007 Un curso máis, ponse en marcha o programa "Coñecer as cidades patrimonio". Nesta ocasión, a iniciativa permitirá o intercambio de experiencias e coñecemento entre Santiago e Ávila, segundo anunciou a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez.

Este programa permite a alumnos e alumnas de 1º e 2º ciclo da Educación Secundaria Obrigatoria coñecer a súa propia cidade e o resto de cidades españolas que tamén son Patrimonio da Humanidade. Os escolares participan a través de traballos realizados nas aulas, dirixidos polos profesores, sobre unha materia concreta. Nesta edición o tema é: "As cidades patrimonio e os seus espazos naturais". Os alumnos dos colexios composteláns traballarán sobre Ávila, que ocupa o lugar que no curso anterior correspondeu a Toledo. A cidade coordinadora é Cuenca.

Cada cidade escollerá os mellores proxectos e, posteriormente, o xurado do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade seleccionará o mellor traballo de cada unha delas. O grupo gañador de Santiago recibirá como premio unha viaxe a Ávila, así como unha estadía na cidade de Cuenca para participar no encontro final de todos os grupos gañadores. Isto será no mes de maio.

Reunión en Cuenca
Esta convocatoria quedou aberta trala reunión mantida en Cuenca por responsables e técnicos de Educación das trece cidades españolas Patrimonio da Humanidade. Neste encontro acordouse propor a apertura do programa a cidades Patrimonio europeas. Esta proposta será debatida na vindeira xuntanza de alcaldes do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade.

Ademais, Santiago propuxo a recuperación do programa "Vivir as Cidades Históricas", que no seu momento financiou a Fundación La Caixa. A idea, aprobada por unanimidade, será exposta na devandita reunión de alcaldes.

Compartir: