ALCALDÍA

O Consello de Relacións Veciñais e o Económico e Social tamén se comprometen co proxecto

17/09/2007 Os membros do Consello de Relacións Veciñais e do Consello Económico e Social reuníronse en sesión extraordinaria para adoptar un acordo unánime de apoio ao proxecto da Cidade da Cultura.

Tanto o Consello de Relacións Veciñais como o Consello Económico e Social reclamaron a continuidade do proxecto e o remate das obras "logo de tantos cartos investidos", así como a "transparencia" a través de información e publicidade regular e puntual sobre o proxecto, a depuración de responsabilidades, no caso de ter que levarse a cabo e, por último, que non se cometan os mesmos erros de xestión do pasado a partir de agora.

Estes son outros dous apoios máis que se suman en defensa do remate das obras da Cidade da Cultura, tralos recibidos nos últimos días. Xa se teñen pronunciado a favor do proxecto os empresarios composteláns e os concellos da Mancomunidade de Santiago. Ademais, os tres grupos municipais manifestaron o seu compromiso nunha declaración institucional aprobada en Pleno. O alcalde compostelán agarda que sigan a xurdir pronunciamentos en prol do proxecto en vindeiras datas, mesmo fóra do ámbito da cidade.

Compartir: