AUDITORIO DE GALICIA

García Asensio dirixe á Real Filharmonía Galega no último concerto de abono da temporada

22/06/2005 O xoves 23 de xuño ás 21.00 horas no Auditorio de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia, auspiciada polo Consorcio de Santiago, baixo a dirección do mestre Enrique García Asensio, interpretará as obras de Fernando Alonso (A Coruña, 1961), Sinfonietta en Fa; de Juan Vara (A Coruña, 1959), Aparición na distancia secreta e de Rogelio Groba (Ponteareas, 1930), Christmas Symphony.

Como fin de temporada, asistimos a un concerto no que se dan a man o mestre e os xóvenes compositores; Rogelio Groba, moito máis nomeado que escoitado, figura imprescindíbel entre os creadores galegos e compositor que consolida unha linguaxe tan propia como identificadora da súa terra.

Pola súa banda, Juan Vara e Fernando Alonso pertencen á xeneración que denominamos da apertura, conformada polos músicos nados en Galicia en torno a 1960 que comparten certos rasgos biográficos: Juan Vara, Juan Durán, Margarita Viso, Paulino Pereiro e Fernando Alonso adícanse á docencia e todos recibiron unha formación académica de conservatorio; formados principalmente en Galicia, creceron baixo o maxisterio de Rogelio Groba a partir do cal, encontran a súa propia linguaxe; comparten tamén unha visión universalista da linguaxe musical e da literatura como fonte de inspiración; naceron ou residen en cidades abertas ao mar, ao que aman, sabedores de que este constitue a metáfora aberta do seu universo. Todos comparten, desde logo, o rasgo xeneracional que Ortega considera necesario, e que fai que un grupo se sinta aglutinado baixo un espíritu común: "certa actitude vital desde a cal se sinte a existencia dunha maneira determinada".

Os compositores que se dan cita neste concerto comparten a orixe, Galicia, que indudabelmente condiciona o universo compositivo de cada un deles, xa que os tres manteñen un compromiso vital e unha postura ética galega.

Enrique García Asensio, director
Nace en Valencia. Cursa os estudos no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, diplomándose en Violín, Música de Cámara, Harmonía, Contrapunto, Fuga e Composición. Ao longo da súa carreira no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid gañou os seguintes premios: Solfeo, Música de Cámara, Premio de interpretación de Mozart, Premio Nacional de Violín (1957), Premio Fin de Carreira e Premio Conservatorio.

Aos 11 anos forma parte, como violín, da Orquestra do Conservatorio, encargándose máis tarde da súa dirección.
A súa actividade profesional no campo internacional se desenvolve en: Canadá, Estados Unidos, México, Puerto Rico, Arxentina, Uruguay, República Dominicana, Brasil, Xapón, Islandia, Bulgaria, Rumania, Grecia, Israel, Rusia, Africa do Sur, Irlanda do Norte, Suiza, Inglaterra, Portugal, Italia, Francia, Bélgica, Alemaña, Luxemburgo, Austria, Holanda, Turquía, Dinamarca, Chequia e Eslovaquia.
Posue unha estensa discografía realizada en España e Inglaterra.

Foi asistente do Mestre Celibidache nos cursos internacionais que éste impartiu en Bolonia (Italia) e Munich (Alemaña), así como as clases da Academia Chigiana de Siena (Italia).
Deu cursos de Dirección de Orquestra na República Dominicana, Kerkrade (Holanda) e en España en Toledo e a Comunidade Valenciana (Lliria, Buñol, Cullera, Villarreal, Nules, Segorbe e Benicasim).

É membro da Real Academia de Belas Artes de San Carlos de Valencia, Cabaleiro da Orden do Santo Cáliz e Cabaleiro da Real Orden de Santa María del Puig. Actualmente, e desde a súa creación, é membro do Consello Valenciano de Cultura da Generalitat Valenciana.

Compartir: