UMAD

Cinensino formará unha edición máis aos escolares composteláns sobre prevención de drogodependencias

17/09/2007 O programa de prevención de drogodependencias Cinensino volverá ás aulas neste curso 1007-2008. A Xunta de Goberno aprobou o gasto do programa, 27.886 euros, no que poderán participar uns 1.150 alumnos de ensino secundario e 1.000 alumnos de ensino primario.

Este programa, realizado pola Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD), vai dirixido tanto ao alumnado como ao profesorado. O seu obxectivo é incentivar actitudes saudables na comunidade escolar e previr as drogodependencias a través do cine. Trátase de fomentar nos alumnos modos de comportamento axeitados para unha sociedade máis responsable, solidaria e tolerante.

Cinensino utiliza como base o cine, por ser un elemento motivador, para a realización de actividades con fins didácticos, recollidas nas unidades didácticas específicas para cada película. A través destas actividades conséguese ampliar as habilidades sociais dos alumnos e impulsar aqueles aspectos que se consideran imprescindibles para unha mellor convivencia social.

O programa inclúe, ademais da proxección trimestral de filmes, un curso de formación gratuíto para o profesorado a través de Internet. Os centros de ensino recibirán diversso material didáctico.

Compartir: