ALCALDÍA

Manuel Gallego deseñará o proxecto de remodelación do antigo Banco de España

14/09/2007 O arquitecto Manuel Gallego Jorreto será o encargado de deseñar o proxecto de remodelación do antigo Banco de España, segundo anunciou o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo. "É un dos grandes arquitectos galegos", apuntou a propósito dun profesional, Premio Nacional de Arquitectura en 1997, considerado como un dos máximos expoñentes da arquitectura racional en España.

Unha vez remate a exposición "Santiago dC", poderán acometerse as obras de remodelación deste espazo singular, que se converterá no Museo das Peregrinacións e da Cidade de Santiago.

Rampla do edificio da SGAE
Sobre outro edificio, o da SGAE, tamén se pronunciou o alcalde na súa rolda dos venres. En concreto e propósito da súa rampla de acceso e a súa invasión da beirarrúa, indicou que "non me gusta demasiado, pero é un problema derivado dun defecto no proxecto arquitectónico non detectado ao principio". En calquera caso, recordou que xa o proxecto incluía un retranqueo de 80 centímetros sobre a beirarrúa. "Se hai un problema, ao final hai que resolvelo", concluíu.

Pista de xeo na Quintana
Ao respecto doutro tema de actualidade, a posibilidade da instalación dunha pista de xeo na praza da Quintana durante o Nadal, o alcalde apuntou que "esta opción xa a propuxera o concelleiro de Deportes no Nadal pasado e entón desbotouse polos problemas que presentaba segundo os técnicos". De todos modos, aclarou, "se se fai unha proposta formal, os técnicos estudaranas e veremos se persisten ou non os problemas detectados o ano pasado". Ademais, indicou que tratándose da praza da Quintana hai que facer "unha reflexión especial".

Compartir: