ALCALDÍA

Avance das negociacións con Defensa para o traslado do Aero Club a Bando

14/09/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acudiu á sede do Ministerio de Defensa, onde se reuniu co novo director xeral da Xerencia de Infraestruturas, Jaime Denís Zambrana, para falar sobre o futuro do antigo campo de tiro e campamento militar de Bando.

O alcalde sinalou que desde o Ministerio de Defensa se amosaron a favor de desenvolver a actuación de Bando a través dun convenio, onde se prevería o traslado das instalacións do Aero Club a Bando.

O acordo entre o Concello e Defensa contempla que Emuvissa farase cargo da xestión da área e das obras de urbanización. En canto á compensación económica ao Ministerio polo paso dos terreos á titularidade municipal, establecerase en forma de edificabilidade bruta, que se deducirá dos custos da urbanización. Defensa recibirá o aproveitamento restante.

No encontro, ao que tamén acudiron a concelleira de Urbanismo e Vivenda, Mercedes Rosón, e a directora da Área de Urbanismo, Berta Rosón, ratificáronse os pasos dados ata o de agora e fixouse unha nova reunión para o 9 de outubro onde tamén estarán os representantes do Aero Club. Nesta data intentarase, segundo explicou o alcalde, pechar definitivamente o acordo.

Así, apuntou Sánchez Bugallo quedará por determinar a indemnización con que Defensa compensará ao Aero Club polos terreos que ocupa e que viña disfrutando como usufrutuario durante 50 anos. Solucionada esta cuestión, podería concretarse o convenio con esta entidade para o funcionamento das futuras instalacións deportivas. Ademais, indicou que a sinatura deste convenio permitirá "comezar canto antes o planeamento da zona de Bando, que durará dous ou tres anos, e así as obras de substitución do campo de golf serían máis rápidas, no caso de que Política Territorial autorice as instalacións deportivas neste terreo, cualificado como rústico, pero que sería factible segundo a Lei do Solo".

Liberación de terreos para a terminal
O traslado das instalacións do Aero Club permitirá deixar libre os terreos que actualmente ocupa e así comezar as obras da nova terminal aeroportuaria de Lavacolla, cuxa adxudicación se realizará en breve. Este traslado farase por fases.

En Bando construirase un campo de golf de preto de 600.000 metros cadrados, en cuxo deseño participa o golfista australiano Greg Norman. Este espazo contará tamén cu uso residencial (308 vivendas) e con diversas dotacións deportivas, hostaleiras e sociais. O proxecto inclúe a construción dunha depuradora soterrada de auga, que dará servizo aos veciños de Lavacolla.

Compartir: