PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Servizo de Asesoramento ao Comercio atendeu máis de 100 entrevistas dende a súa creación

13/09/2007 O Servizo de Asesoramento ao Comercio (SAC), pertencente á Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, atendeu 104 entrevistas con cita previa dende que empezou a funcionar, no mes de febreiro.

As consultas teñen unha duración media dunha hora. A metade foron realizadas por novos emprendedores. A maioría demandaban información sobre como elaborar un Plan de Empresa. O outro 50% foron consultas de comerciantes que, sobre todo, solicitaban estratexias para mellorar a captación de clientes, mediante técnicas de fixación de prezos ou criterios para deseñar escaparates.

Do Servizo de Asesoramento ao Comercio pódense beneficiar os comerciantes e hostaleiros en activo, as persoas emprendedoras e as asociacións de comerciantes. Atende consultas vinculadas coa actividade comercial (optimización de recursos, modernización de infraestructuras, etc.) e coa implantación de novos estabelecementos (entrevistas de seguemento, elaboración dos Plans de Empresa, etc).

A oficina do SAC está ubicada na Rúa Horreo nº 100, e funciona en horario de 8:30 a 12:00 horas. Ten establecido un sistema de cita previa a través do teléfono 981 568 752. Presta servizos de captación e asesoramento a emprendedores e comerciantes en activo, formación para comerciantes en activo e emprendedores, acción de dinamización e promoción comercial e hostaleira e asesoramento a asociacións. A través deste servizo tamén se coordinan as liñas de actuación do Plan de Excelencia Comercial do que forma parte, e as accións relacionadas co sector desenvolvidas pola Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Cámara de Comercio e as asociacións de comerciantes.

Con este servizo, a Concellaría pretende dinamizar o sector para que logre a posición que lle corresponde no Concello de Santiago polo seu peso económico e social e, ao mesmo, tempo, convertelo nunha referencia de calidade para os composteláns e para os potenciais clientes da Área de Compostela e da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal. O SAC enmárcase dentro do Plan de Excelencia Comercial asinado entre a Concellaría de Promoción Económica e Comercio e a Deputación de A Coruña.

Compartir: