CONSORCIO

A exposición "Unha provocación construtiva" remata con máis de 4.000 visitantes

13/09/2007 Na igrexa de Santa Mª do Camiño rematou a exposición "Unha provocación construtiva", centrada no sector da construción e arquitectura da industria madeireira da rexión austríaca de Voralberg, que tantas semellanzas ten coa xeografía galega. Esta exposición, que o Consorcio de Santiago inaugurou o 13 de xullo e permaneceu aberta ata o 13 de setembro, foi visitada por 4.164 persoas.

Co obxecto de achegar esta iniciativa á actividade académica dos alumnos de arquitectura de Galicia, a exposición, que está producida polo Instituto de Arquitectura de Voralberg e a "Cité de l´architecture et du patrimoine" de París, trasladarase ás cidades de Coruña e Vigo. E faino baixo a tutela da propia Universidade de A Coruña e do patrocinio do CIS Madeira e da Consellería de Vivenda e Solo.

"Unha provocación construtiva" está composta por sete módulos de madeira que representan catorce temas sobre a arte arquitectónica en Vorarlberg, a emisión de cinco documentais nos que se manifesta a relación entre as persoas, os edificios e os espazos vitais, así como a mostra de 24 libros sobre arquitectura en Vorarlberg como fonte de información complementaria para os visitantes. A presentación dos temas fíxose dunha maneira sinxela e compacta, combinando dous temas en cada módulo expositivo.

Así, e do mesmo xeito que coa organización do Festival de Músicas Contemplativas ou cos Concertos de Órgano, o Consorcio segue a reforzar o valor das igrexas de Santiago como espazos receptivos de distintas manifestacións artísticas relacionadas co patrimonio cultural.

Compartir: