PROMOCIÓN ECONÓMICA

Case 200 persoas asisten as sesións informativas impartidas polo Servizo de desenvolvemento infantil e atención temperá

11/09/2007 Un total 199 persoas asistiu ás sesións informativas impartidas polo Servizo de desenvolvemento infantil e atención temperá da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, formado por unha psicopedagoga, unha mestra infantil e unha psicóloga. Ademais, entre marzo e setembro, este persoal realizou intervencións de asesoramento, a maioría sobre problemas de conduta, e deseño de programas específicos de estimulación precoz; dos que se beneficiaron 24 menores de entre cero e seis anos. O obxectivo do servizo é maximizar o potencial do neno e previr a aparición de problemas secundarios ou retrasos no seu desenvolvemento.

As accións informativas, destinadas ás familias e aos educadores, comezaron o 23 de maio e desenvolvéronse en seis escolas infantís de Santiago: El jardín de los Mimos, Santa Marta, Mami, Rubido Romero, Raiola e Cativos. Abordáronse tres temas: Problemas de conduta, Sobreprotección de menores e Adaptación á escola infantil, escollidos polas nais e pais dos menores a través das respostas ao medio millar de enquisas elaboradas e repartidas nos centros polo Servizo de desenvolvemento infantil e atención temperá. 168 asistentes, o 84%, cualificaron as sesións informativas de "moi boas", e os outros 31, o 16%, de "boas".

Estas accións informativas están contempladas nos convenios de colaboración asinados polo concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, con sete escolas infantís, as seis citadas máis Paparolo, para a implantación do servizo nos centros. A atención temperá é definida polo Real Patronato sobre Discapacidad como un "conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de cero a seis anos que presentan os nenos con trastornos no seu desenvolvemento ou que teñen o risco de padecelos".

Ademais de sesións informativas, os convenios, vixentes ata finais de setembro do 2007, recollen accións de asesoramento a educadores e programas individualizados destinados a menores que presentan algún tipo de problema no desenvolvemento ou están en situación de risco de padecelo.

Compartir: