CULTURA

Nove meses da mellor música clásica nunha nova tempada de abono do Auditorio de Galicia

11/09/2007 Logo de varios meses de traballo conxunto, a Real Filharmonía xa ten perfilado os seus concertos para a tempada 2007/2008, que iniciará o 27 de setembro cun concerto na Catedral de Santiago. O 4 de outubro, xa no Auditorio, a orquestra ofrece unha actuación que servirá de inauguración do curso académico da Universidade compostelá.

En total serán preto de 30 concertos os que encherán a programación no Auditorio de Galicia, nas súas xa tradicionais sesións dos xoves ás nove da noite. Ademais, como xa vén sendo costume, a Real Filharmonía estará presente ao longo do ano noutras cidades de Galicia, como A Coruña, Vigo, Lugo ou Pontevedra. Xunto ao director titular, Ros Marbà, tamén se porán á fronte da Real Filharmonía o compostelán Maximino Zumalave, como director asociado, e o británico Paul Daniel, como principal director invitado.

A tempada segue o mesmo esquema das anteriores, co que, ademais do concerto de inauguración na catedral compostelá, o público gozará cos tradicionais concertos de Reis e de Nadal. Este último inclúe A Creación, de Haydn, baixo a batuta do mestre Ros Marbà e as voces do Coro Nacional de España.

Polo Auditorio de Galicia pasará un selecto grupo de directores e solistas, entre os que destacan as batutas de Josep Caballé, Pablo González, Hansjorg Schellenberger, Christopher Wilkins, Frans Brüggen, Antoni Wit e András Ligeti, ou os violinistas Ilia Gringolts, Chloe Hanslip, Ildikó Oltai e Marat Bisengaliew, os pianistas Eldar Nebolsin, Marta Zabaleta e Sebastian Knauer, e as violonchelistas Natalia Gutman ou Han Na Chang.

No plano vocal destacan as visitas que farán o barítono Matthias Goerne, a mezzosoprano Monica Bacelli e a actuación, en marzo, do prestixioso coro francés Accentus. Música variada e para todos os gustos, destinada a conformar unha oferta cultural de primeira orde na cidade de Santiago de Compostela.

Concertos de Nadal e de Reis
Unha das citas máis esperadas son os concertos de Nadal e de Reis, nos que a RFG, baixo a batuta de Ros Marbà, interpreta A Creación, de Haydn, acompañada do Coro Nacional e dos solistas Raquel Lojendio, Agustín Prunell-Friend e David Wilson Johnson. O 5 de xaneiro, a tradicional función de Reis, que inclúe o Concerto de Aranxuez, do mestre Rodrigo.

A Paixón segundo San Xoán, con Brüggen
O holandés Frans Brüggen regresa un ano máis a Santiago. Nesta ocasión para dirixir un dos concertos estrela da tempada, A Paixón segundo San Xoán, de Bach, interpretada pola RFG, o Cor de Cambra do Palau da Música Catalana e unha selección dos mellores solistas do panorama actual europeo: Nico van der Meel, André Morsch, Martina Rüping, Patrick van Goethem, Donat Havar e Joan Martín Royo.

Orquestras invitadas
Ademais da RFG, o Auditorio de Galicia acollerá unha serie de concertos doutras coñecidas orquestras. Ás xa tradicionais visitas da veciña Orquestra Sinfónica de Galicia, súmanse a austríaca Wiener Akademie, en xaneiro, e a Orquestra de Cámara de Noruega, que chegará en febreiro acompañada do coñecido pianista Leif Ove Andsnes.

Modalidades de abono
Os interesados en asistir ás actuacións da Real Filharmonía e orquestras invitadas no Auditorio pódense facer con diferentes modelos de abono, á venta no despacho de billetes do propio Auditorio os días 24, 25 e 26 de setembro. O abono A inclúe tódolos concertos, dende outubro a xuño, por un prezo de 217,5 euros, o que supón un aforro do 25%. O abono B ten validez ata o mes de decembro e custa 71,4 euros. O abono C estará vixente entre xaneiro e marzo, e inclúe 11 concertos por 103,7 euros. Por último, o abono D (abril-xuño), inclúe 8 concertos por 71,4 euros. Como novidade este ano, o Auditorio pon á venda un abono especial para xubilados e estudantes, que supón unha rebaixa do 50%.

O calendario de concertos foi presentado no Auditorio polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego. Na rolda tamén estiveron o director titular da Real Filharmonía de Galicia, Antoni Ros Marbà; o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; o xerente do Auditorio de Galicia, Pablo Rodríguez; e o director técnico da Real Filharmonía, Oriol Roch Izard.

Compartir: