PXOM

O novo PXOM poderá consultarse desde o 21 de xuño pola tarde

21/06/2005 O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), estará exposto para a súa revisión no Pazo de Fonseca ata o vindeiro 27 de xullo, en salas acondicionadas expresamente para a mostra e coa asistencia de dúas azafatas, que asistirán a quen o precise e garantirán a orde nas consultas que os cidadáns realizarán aos técnicos municipais.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidirá a inauguración da exposición do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, que terá lugar o día 21, ás 12 horas, no Pazo de Fonseca. Ademais de en Fonseca, a partir do martes 21 de xuño pola tarde, os veciños poderán consultar o PXOM nesta web, e estará á venda en papel nas librerías Tórculo (Praza de Mazarelos) e Copy Studio (Frei Rosendo Salvado) e en dvd -por un prezo de 5 euros- no Pazo de Fonseca. Cómpre que aqueles veciños que queiran adquirir o PXOM en papel se informen da parte do plan que é o do seu interese, a fin de axilizar a xestión nas copisterías.

O horario de exposición do PXOM en Fonseca é de luns a venres, puidendo consultarse de 10 a 14 e de 17 a 20 horas, e os sábados será accesíbel de 10 a 14 horas. Así mesmo, de luns a venres pola mañá, haberá dous ou tres técnicos municipais da área de Urbanismo, que atenderán persoalmente as consultas técnicas dos cidadáns.

O prazo de exposición pública en Fonseca finalizará o 27 de xullo, pero as alegacións poderán presentarse ata o 22 de agosto. O PXOM estará exposto tamén na Oficina de Información do Plan Xeral, sita no segundo andar do Pazo de Raxoi, na praza do Obradoiro, pero só en horario de 9 a 14 horas.

Coa posta en marcha destas medidas, desde o Concello espérase que o cidadán teña unha visión o máis próxima posíbel de como se vai transformar Compostela os vindeiros anos. O novo PXOM busca facilitar o acceso á vivenda mediante a reserva de solares para pisos protexidos e aumentar a bolsa de solo industrial.

Compartir: