CULTURA

Chega ao Teatro Principal a premiada "As últimas lúas", de Lagarta Lagarta

11/09/2007 Unha nova obra de teatro galego chega a Compostela. Nesta ocasión é a compañía Lagarta Lagarta a que trae As últimas lúas, unha obra que vén avalada polo premio do público no último Festival Internacional de Teatro de Ribadavia. As representacións terán lugar o mércores 12 e o xoves 13, ás 21:00 horas.

De "obra magnífica" cualificou a As últimas lúas o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, na presentación do espectáculo, e auguroulle éxito porque "o público de Compostela respalda o bo teatro". Recordou o premio recibido por Lagarta Lagarta e insistiu no "esforzo do Departamento por programar teatro galego".

Pola súa parte, o produtor e actor principal da obra, Ernesto Chao, destacou que ata finais de ano, en 10 meses, a compañía terá representado As últimas lúas en 60 funcións. A obra tamén foi seleccionada para participar na Feira do Teatro de Galicia e, para o primeiro semestre de 2008, a compañía comezará a preparar a versión en castelán. Afirmou que a representación "está funcionando moi ben, malia que era un tema de alto risco, e trátase dun espectáculo que dá que falar despois de velo.

Outro dos actores, Artur Trillo, explicou o argumento de As últimas lúas, obra orixinal do italiano Furio Bordón. Conta a historia dun vello profesor de literatura xubilado que decide abandonar a casa para trasladarse a unha residencia da terceira idade. Trátase dun teatro comprometido e tamén divertido, cun compromiso humano e social, que se atreve a intentar, cunha intensa carga de delicado humor e de inmensa tenrura, unha mirada seria e serena sobre os pasos fundamentais do noso transitar pola vida.

Xunto con Ernesto Chao e Artur Trillo completa o elenco Rosa Álvarez. Na dirección está Xulio Lago e a tradución correspondeu a Cándido Pazó.

As últimas lúas (Le ultime lune) foi escrita no 1994 polo autor italiano Furio Bordon e estreada no Teatro Stabile de Venecia co actor Marcello Mastroiani como protagonista. Foi un texto que mereceu en 1994 o Premio do Instituto do Drama Italiano ao mellor texto teatral do ano e o Premio ao mellor espectáculo do ano en Francia na tempada 1997- 1998 despois da súa estrea en lingua francesa no Rideau de Bruxelas. Ademais, esta obra foi representada nos máis nomeados teatros tanto de Europa e de América sendo traducida a 12 linguas. Le ultime lune está de xira por Italia, dirixida polo propio autor na versión íntegra do texto.

Compartir: